O BNG insiste en vacinar ao maiores de 80 anos nos centros de saúde

Asegurou que "non hai ningunha xustificación racional" para obrigalos a ter que desprazarse "a unha hora ou hora e media" do seu lugar de residencia.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/10/2022 | Actualizada ás 14:04

Comparte esta noticia

O BNG reclamou á Xunta de Galicia que rectifique e permita que as persoas maiores de 80 anos reciban a cuarta dose da vacina da Covid-19 nos seus centros de saúde e non nos centros de vacinación habilitados para esta cita nas principais cidades galegas.

A portavoz nacionalista, Ana Pontón, asegurou que "non hai ningunha xustificación racional" para obrigar a persoas maiores de 80 anos, "moitas con problemas de mobilidade", a ter que desprazarse "a unha hora ou hora e media" do seu lugar de residencia.

Segundo trasladou Pontón, esta situación "xera inquietude e problemas" ás persoas maiores e puxo como exemplo o caso dunha veciña da localidade pontevedresa de Rodeiro, de 92 anos, a quen lle supón "máis dunha hora chegar ao Gaiás" e á que, asegurou, "citárona ás 20,00 horas". "Alguén cre que ese é o trato que ten que recibir unha persoa de 92 anos?", criticou.

Nesta mesma liña, Pontón cualificou de "inaceptable" esta situación, polo que demandou á Xunta que rectifique e que os maiores de 80 anos poidan vacinarse no seu centro de saúde "co persoal que coñecen, coas mínimas molestias e garantindo que o proceso sexa rápido e prime o benestar das persoas maiores".

Así mesmo, sinalou que "non é de recibo" que se fale dunha repesca que "non se sabe cando vai ser nin con que criterio", xa que, insistiu, "todo isto está a xerar moita preocupación ás persoas maiores e lonxe de facilitar vai facer xustamente o contrario".

A líder do BNG, Ana Pontón, no Consello Nacional da formación fronstista / Europa Press / Europa Press
A líder do BNG, Ana Pontón, no Consello Nacional da formación fronstista / Europa Press / Europa Press

SANIDADE PIDE Á OPOSICIÓN "RESPONSABILIDADE"

A Consellería de Sanidade pide á oposición "responsabilidade" e asegura que ningún maior se vai a quedar sen a cuarta dose da vacina da Covid-19, tras as críticas xeradas por citar aos maiores de 80 anos nos grandes recintos de vacinación situados nas cidades galegas. Segundo trasladou o departamento que dirixe Julio García Comesaña, o plan de vacinación da cuarta dose contempla en Galicia tanto grandes recintos como centros de saúde de referencia.

Por iso, a Consellería insistiu en que os maiores que non poidan ou non queiran ir aos grandes recintos de vacinación poderán vacinarse no seu centro de saúde de referencia ou no seu domicilio "se así o estima oportuno o seu equipo de Atención Primaria".

Ademais, argumentou que os grandes recintos de vacinación achegan "rapidez e eficiencia" e manteñen aos centros de saúde coa súa "principal actividade" no coidado da poboación. Tamén destacan que as persoas citadas con problemas de mobilidade poden vacinarse sen baixarse do coche.

Sobre a repesca anunciada polo conselleiro para todos aqueles maiores de 80 anos que non acudan á súa cita nos grandes recintos de vacinación, Sanidade reiterou que se realizará "máis pronto que tarde", tal e como sinalara este mesmo sábado García Comesaña. Así mesmo, a Consellería insistiu en que "ninguén se vai a quedar sen vacina" e piden á oposición "responsabilidade" nun momento no que aumenta a incidencia acumulada.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta