O alcol é a principal droga nas agresións sexuais con submisión química

O Servizo de Toxicoloxía Forense de Santiago de Compostela alerta dunha “tendencia á alza” de casos nos últimos anos e do uso de substancias legais como principal ferramenta para someter as vítimas e abusar delas.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 13/10/2022 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A submisión química pode definirse como a agresión sexual, roubo, extorsión e/ou malos tratos sufridos baixo a influencia de substancias psicotrópicas que se poden administrar de forma subrepticia ou aproveitar os seus efectos para cometer o delito, por canto a vítima ve diminuída a súa capacidade para identificar unha situación de perigo ou resistirse á agresión. Nos últimos anos observouse un incremento no número de casos con estas características: roubos, homicidios, sedación, e incapacitación de persoas maiores, enfermos ou nenos, aínda que o maior número deles está relacionado con delitos de índole sexual, de aí o termo “agresión sexual facilitada por alcol ou drogas”. Agora, un estudo feito en Galicia, concretamente en Santiago de Compostela, con datos de 12 anos, mostra que o alcohol é a substancia que máis aparece nos casos de agresións sexuais na capital galega.

Submisión química
Submisión química | Fonte: arquivo

O estudo foi realizado por un equipo do Servizo de Toxicoloxía Forense da Facultade de Medicina da Universidade de Santiago de Compostela. En total, analizaron 69 casos de agresións sexuais denunciadas na cidade e derivados ao Servizo de Toxicoloxía Forense entre os anos 2009 e 2021, enviados polo Instituto de Medicina Legal de Galicia (IMELGA). Para os expertos, o máis salientable é que o consumo de alcol foi positivo no 77,1% dos casos positivos determinados, seguido de drogas legais (34,4%) e drogas ilegais (26,2%). A distribución por sexo e idade dos casos mostrou que as mulleres entre 14 e 65 anos constitúen o grupo que máis frecuentemente sofre estas agresións, cun pico do 55,1% no grupo de 18-30 anos.

Os expertos examinaron 69 casos, con mostras de sangue, ouriños e cabelos; o consumo de alcol foi positivo no 77,1% dos casos, seguido de drogas legais (34,4%) 

Estes expertos advirten que “a inxestión de substancias psicoactivas de forma voluntaria ou non, que leva a episodios de agresión sexual, converteuse nun tema social relevante sobre as súas ben documentadas consecuencias para a saúde”. Ademais, salientan o feito de que non había até agora estudos publicados sobre aspectos toxicolóxicos en relación ás agresións sexuais en Galicia, polo que supón toda unha novidade para coñecer a realidade destes casos.

Coa idea de facer esa primeira achega sistemática, fixéronse exames médicos forenses de 69 casos, con mostras biolóxicas recibidas que inclúen sangue, ouriños e/ou cabelos. Todas as mostras analizáronse para determinar a presenza e concentración de alcol, drogas legais e substancias psicoactivas ilícitas, como cocaína, opiáceos, anfetaminas, benzodiacepinas, metadona, cannabis e etil glucurónido, GHB (éxtase líquido), antidepresivos ou anestésicos.

TENDENCIA Á ALZA DE CASOS

Entre 2009 e 2021, o Servizo de Toxicoloxía Forense da USC recibiu 69 casos de agresións sexuais. Trátase, segundo os propios expertos do servizo, dun “número relativamente baixo de agresións corresponde a unha pequena zona”, pero que permite detectar “unha lixeira tendencia á alza” nos casos durante doce anos, cun único “lixeiro descenso de casos” durante o ano 2020, cando se declarou a pandemia de covid-19, comentan.

Máis da metade das vítimas de agresións sexuais, o 55,1%, tiña entre 18 e 30 anos; entre os 69 casos analizados só había dous varóns

Dos 69 casos de agresión sexuais recibidos no laboratorio, só dous eran homes e 67, mulleres, con idades comprendidas entre os 14 e os 65 anos. Por grupos de idade, máis da metade das vítimas, o 55,1%, tiña entre 18 e 30 anos, sendo as máis agredidas.

Os médicos forenses explican de que “experimentar violencia sexual a idades temperás se asocia a numerosas consecuencias adversas para a saúde (trastornos por consumo de alcol, revictimización sexual), psicolóxicas (depresión, tendencias suicidas, ansiedade, trastornos da personalidade, trastorno de estrés postraumático) e legais (delincuencia, trastorno de conduta).

A análise toxicolóxica de mostras de sangue, ouriños e cabelos foi positiva para algunha substancia no 88,4% dos 69 casos. Deses 61 casos positivos para algunha substancia, o 77,1% deles foi positivo en alcol (o 52,5% dos casos positivos presentou só consumo de alcol), o 34,4% en drogas legais (principalmente benzodiacepinas) e o 26,2% en drogas ilegais (principalmente cocaína, seguida de cannabis), e apareceron tan soas como en combinación entre distintas substancias.

Nos casos relacionados co alcol, a inxestión voluntaria informouse nun 13% dos suxeitos (9 persoas maiores de 15 anos), mentres que esta información non estaba dispoñible para o resto. O consumo de cannabis foi denunciado con menos frecuencia, só polo 7,2% das vítimas.

As drogas ilegais e legais máis detectadas nas vítimas foron a cocaína e as benzodiacepinas, seguidas do grupo do cannabis e dos analxésicos/antipiréticos. Con todo, recoñecen que é necesario ter coidado coa interpretación dalgúns resultados positivos para algunhas substancias, como o THC [do cannabis] ou as benzodiacepinas, “xa que teñen unha longa vida media de eliminación e un achado positivo pode ou non estar relacionado co delito”. “Non obstante”, proseguen, “o potencial psicoactivo dalgúns deles, como o cannabis, non debe ser subestimado e a súa sinerxía de efectos co alcol e outros depresores do sistema nervioso central debe terse en conta á hora de interpretar casos de agresión sexual facilitada por drogas”.

"Os resultados son alarmantes, xa que reflicten un importante consumo de alcol etílico e/ou outras substancias ou drogas ilegais neste tipo de delitos”

Os resultados deste estudo mostraron que, despois do alcohol, as substancias que máis interveñen nestas agresión son as farmacéuticas e non as drogas ilegais, especialmente as benzodiacepinas, máis accesibles e baratas.

“A pesar da falta dalgúns datos dos casos de agresións sexuais recibidos no noso laboratorio, os resultados son alarmantes, xa que reflicten un importante consumo de alcol etílico e/ou outras substancias ou drogas ilegais neste tipo de delitos”, alertan desde o Servizo de Toxicoloxía Forense da USC.

Outra importante advertencia que fan os expertos é que “a agresión sexual abarca ambos os sexos e todas as idades, incluíndo nenos e anciáns”, aínda que “hai un claro predominio das vítimas femias fronte aos varóns”. Neste sentido, sinalan que “hai poucos datos dispoñibles sobre agresións sexuais perpetradas por mulleres”. Os expertos falan de “dúas posibilidades” para explicar isto: “Por unha banda, poucos homes denuncian unha agresión sexual perpetrada por mulleres polo forte impacto negativo da agresión e, por outra banda, porque o impacto é tan débil que as vítimas non senten a necesidade de denuncialo á policía nin ao médico”, comentan.

A IMPORTANCIA DAS PROBAS DE SANGUE E OURIÑOS

Un dos problemas cos que se atopan no Servizo de Toxicoloxía Forense da USC é que a tardanza na denuncia por parte da vítima permita que evidencias de substancias no sangue desaparezan co tempo. Como explican os expertos en toxicoloxía, “as probas de sangue poden ser útiles para obter máis información sobre o período de exposición a substancias en relación co crime”. Con todo, cando esta vía perde eficacia, as análises de ouriños xorden como alternativa: “A vítima adoita tardar un tempo en denunciar a agresión sexual, polo que tamén resultan interesantes os ouriños, xa que teñen unha fiestra de detección algo máis ampla para detectar unha inxestión previa”.

Sobre o uso do cabelo para este tipo de casos, recoñecen que “require de técnicas extremadamente sensibles para a detección das posibles substancias implicadas, xa que, en xeral, se trata dunha inxestión monodose”. Ademais, din, “hai que ter en conta o tempo necesario para a incorporación dos fármacos a esta matriz. O tempo transcorrido entre a agresión sexual e o procesamento da mostra adoita variar dependendo do tempo de reacción de cada vítima. Na maioría dos nosos casos, as vítimas acudiron a un centro médico unhas 12-72 horas despois dos feitos. Dos sete casos nos que se recibiron mostras de cabelo, en tres deles a mostra tomouse ao mesmo tempo que o sangue e os ouriños. Nos catro restantes, a mostra foi recollida dous meses despois”.

"Sábese que a incidencia dos casos de agresións sexuais está infrainformada, así como o tipo e prevalencia da droga utilizada"

Este estudo supón a primeira achega sistemática en Galicia ás agresión sexuais mediante submisión química, centrada na área de Santiago de Compostela, polo que agora os especialistas aspiran obter información de todos os casos de agresións sexuais no país para coñecer mellor este problema.

En todo caso, o número de agresións e a súa incidencia están, con certeza, infravalorados, xa que algunhas vítimas non denuncian.

“Sábese que a incidencia dos casos de agresións sexuais está infrainformada, así como o tipo e prevalencia da droga utilizada, xa que interveñen varios factores, como a vergoña das vítimas para denunciar o abuso, o tempo transcorrido entre o feito e a denuncia, e a falta de instrumentación adecuada para a súa detección, xa que os fármacos máis utilizados para este fin teñen unha vida media curta, sendo rapidamente metabolizados e eliminados do corpo da vítima, sen deixar rastro”, clarifican os médicos especialistas.

Para eles, “o feito de que a maioría dos casos publicados de agresións sexuais impliquen unha porcentaxe significativamente alta de casos femininos reforza a hipótese de que as agresións sexuais entre homes están en gran parte subinformadas”.

PROTOCOLO DO SERGAS CONTRA A SUBMISIÓN QUÍMICA

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) activou este ano un protocolo sanitario ante estes casos. Chamado “Procedemento de actuación do Sergas ante casos de sospeita de submisión química”, trátase dun documento sistematizado e adaptado a un formato común, para poder ser implantado en todas as áreas sanitarias, incluíndo, tamén, o ámbito de actuación da atención primaria ante as sospeitas de submisión química

O documento de actuación en caso de submisión química ten como obxectivos, segundo explica o Sergas, “establecer o procedemento de actuación entre os servizos asistenciais do Sergas, o xulgado de garda da área sanitaria e o Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga), para sistematizar a sospeita, o diagnóstico, o tratamento e o seguimento das vítimas de submisión química”.

Por outro lado, o documento, din, “proporciona unha estrutura funcional que coordine as actuacións de todos os servizos de maneira interdisciplinar, co fin último de mellorar o diagnóstico de certeza e o correcto tratamento para a vítima, garantindo, desta maneira, os seus dereitos e facilitando unha resposta integral sanitaria, médico-legal e xudicial”.

O protocolo de Sanidade define as probas toxicolóxicas para detectar as consecuencias clínicas da submisión química e descubrir as substancias empregadas no delito

O documento define os motivos de consulta que deben rexistrarse durante o proceso de triaxe, e realiza recomendacións na práctica da anamnese, a exploración física, e cómo debe quedar reflectido na historia clínica Ianus para non facer que a vítima teña que repetir o seu relato. Tamén sinala as condicións da súa atención, nunha entorna de confidencialidade, intimidade e confort, e ademais establece quen e cando pode acompañar a vítima.

O protocolo define tamén as probas diagnósticas complementarias e as probas toxicolóxicas a realizar ante este tipo de sospeitas, tanto para detectar as consecuencias clínicas da submisión química como para descubrir as substancias empregadas no suposto delito. Aquí é onde entra en xogo o Servizo de Toxicoloxía Forense.

Ademais, indica a obrigatoriedade de realizar o parte de lesións así como seu envío ao xuíz de garda, describindo os marcadores a realizar para pedir as probas mediante o sistema de petición electrónica dentro da historia clínica, e definindo o procedemento legal para recoller as mostras biolóxicas, e tras a correspondente denuncia realizar o seu envío, garantindo sempre a cadea de custodia en colaboración co xuíz de garda e os profesionais do Imelga.

O documento tamén describe o seguimento clínico posterior, valoración de profilaxe, apoio da unidade de saúde mental, o acceso á asistencia xurídica gratuíta ou derivación ao traballador social de ser preciso para valoración da situación familiar e da rede de apoio.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta