Galicia notifica cinco falecidos con covid e unha repunta nos casos activos

As persoas enfermas de covid soben en máis de 300 nunha semana e o Sergas detecta 182 novos contaxios.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/10/2022 | Actualizada ás 11:13

Comparte esta noticia

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) notificou outros cinco falecementos de persoas que estaban diagnosticadas de covid e unha repunta dos casos activos, ata os 1.691 en toda Galicia. Mentres tanto, as persoas hospitalizadas descenderon lixeiramente, a 134.

En concreto, os cinco mortos correspóndense coa xornada do pasado venres, 7 de outubro, e todos eles tiñan patoloxías previas. Trátase de catro mulleres (unha de 92 anos da área sanitaria de Ourense-Verín-O Barco de Valdeorras, dúas de 90 e 74 na área de Vigo e outra de 63 na da Coruña-Cee) e un home (83 anos na área de Pontevedra-O Salnés). Así, a listaxe de vítimas que deixa a pandemia ascendeu ata a cifra total de 3.924.

No que respecta ás persoas ingresadas, os datos ofrecidos este martes polo Sergas --solicitados ata as 18,00 horas do luns-- mostran que hai 134 pacientes covid ingresados, tres máis que hai un día. O descenso prodúcese tanto en planta, con 132 hospitalizados (-2), como nas unidades de coidados intensivos, con só dous (-1) correspondentes ás áreas sanitarias de Pontevedra-O Salnés e A Coruña-Cee.

Con todo, hai dúas áreas que notifican un ascenso nos ingresados. É o caso da de Lugo-A Mariña-Monforte, cun total de 16 (+5), aínda que se mantén sen casos críticos; e da de Pontevedra-O Salnés, con 17 (+1), un deles (+1) na UCI. Mentres tanto, os hospitalizados mantéñense estables na de Ferrol, con 10 pacientes en planta, e descenden no catro restantes.

Na da Coruña-Cee, son 42 os ingresados con covid (-3), pero só un está na UCI; na de Vigo, son 16 (-2), xa coas súas unidades de coidados intensivos libres de coronavirus; na de Ourense-Verín-O Barco de Valdeorras, hai 20 (-3), ningún deles crítico; e na de Santiago-Barbanza son 13 (-1), tamén todos eles en planta.

CASOS ACTIVOS

Nas últimas 24 horas, os casos activos da enfermidade repuntaron ata os 1.691, que son 86 máis que os notificados o luns. De feito, son 358 máis que os que había hai unha semana, cando eran pouco máis de 1.300.

A subida é case xeneralizada en todas as áreas sanitarias, fóra da de Santiago, onde descende en oito, ata os 268 pacientes en total. Mentres tanto, A Coruña é a que máis casos activos contabiliza, con 365 (+19). Tamén subiron nas últimas horas as persoas enfermas de covid na de Ourense, a 315 (+27); na de Vigo, a 229 (+13); na de Lugo, a 199 (+13); na de Pontevedra, a 180 (+17); e na de Ferrol, a 135 (+5).

Isto é así porque a cifra de altas superou a de novas infeccións detectadas en todos os distritos galegos. En concreto, o reconto oficial de persoas que superaron a enfermidade sitúase en 673.953, que son 91 máis.

NOVAS INFECCIÓNS

No que respecta aos novos contaxios detectados oficialmente polo Sergas, houbo 182 en 24 horas. A área de Ourense foi a que máis casos notificou, con 42. Séguenlle A Coruña (36), Vigo (27), Pontevedra (26), Lugo (23), Santiago (21) e Ferrol (7).

Así, desde o inicio da pandemia contaxiáronse en Galicia 679.459 persoas: 150.046 na área de Vigo, 140.556 na da Coruña, 108.536 na de Santiago, 84.103 na de Ourense, 76.997 na de Pontevedra, 75.956 na de Lugo e 42.282 na de Ferrol. A maiores, houbo 983 casos sen área sanitaria asignada.

Cidadáns na terraza dun bar de Lugo a 12 de decembro de 2020 / Europa Press / Europa Press
Cidadáns na terraza dun bar de Lugo a 12 de decembro de 2020 / Europa Press / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta