Cando a música mobiliza a toda unha comunidade educativa

As familias do CEIP Plurilingüe de Pedrouzos presentan 333 firmas diante da Xunta para solicitar un profesor de Educación Musical. A ANPA asegura que, ademais, que se reduciron aulas e que a praza de orientador/a escolar "continúa en precario".

Por Galicia Confidencial | Compostela | 11/10/2022 | Actualizada ás 13:12

Comparte esta noticia

Os pais, nais e familias do CEIP Plurilingüe de Pedrouzos (Brión) veñen de presentar hoxe diante da Consellería de Educación unha reclamación, acompañada por 333 sinaturas, na que solicitan un profesor/a substituto/a para a especialidade de Educación Musical. Un escrito no que alertan de que a ausencia deste docente provocará que varios grupos de alumnos e alumnas queden sen recibir formación nesta especialidade e que incrementará a carga lectiva para o resto do profesorado no presente curso 2022-2023.

Ensaio con instrumentos
Ensaio con instrumentos | Fonte: ESCOLA DE ALTOS ESTUDOS MUSICAIS

As familias explican que o CEIPP de Pedrouzos conta con 2 prazas na especialidade de Educación Musical. Unha delas está ocupada polo profesor Rubén Diéguez Galego, único docente que está a impartir clases de música en Brión xa que a outra praza está ocupada por unha persoa con destino definitivo en Pedrouzos pero que se atopa nunha comisión de servizos nunha praza de convenio. Isto significa que este segundo docente non estará este curso no centro para impartir a súa materia.

Por iso, os pais, nais e familias do CEIPP de Pedrouzos iniciaron unha recollida de sinaturas para pedirlle á Xunta de Galicia que adxudique esa praza a un profesor/a substituto/a para o curso 2022-2023 para evitar que varios grupos de alumnos queden sen recibir esta formación. Así mesmo, alertan de que a ausencia deste docente aumentará a carga lectiva do resto do profesorado, afectando ao Plan de Apoios e Reforzos que ten o centro para o alumnado que precisa atención, dado que non haberá persoal suficiente para levar a cabo o devandito plan. Isto repercutirá negativamente no desenrolo académico tanto individual como colectivo do CEIPP de Pedrouzos, advirten.

Esta petición conta co respaldo do Concello de Brión, que xa ten manifestado a súa preocupación sobre a situación académica do alumnado do CEIPP de Pedrouzos debido á baixada do número de profesores neste curso 2022-2023. 

ANPA

Pola súa banda, desde a ANPA Andaravía do CEIP de Pedrouzos sinalan que os problemas de dotación de persoal van máis aló da praza de música. "Este ano reducíronse as aulas de psicomotricidade porque hai menos persoal. Así mesmo, a praza de orientador/a escolar continúa en precario, cambiando a persoa responsable cada curso, co que é moi difícil facer un axeitado seguimento dos casos atendidos", sinalan en declaracións ao GC.

 

Con data de 20 de setembro, a ANPA rexistrou na Consellaría de Educación un escrito recollendo esta situación e exindo a adopción de medidas para corrixilo. "A calidade é un elemento constituínte do dereito á educación", reza o escrito presentado pola asociación de pais e nais, que sinala que a dotación axeitada de persoal é un dos elementos que garante esa calidade.

 

Así mesmo, a ANPA sinala que a comunidade educativa debe afrontar outras problemáticas, como constantes incidencias no servizo de comedor por falta de persoal. Sobre esta cuestión tamén se presentou un escrito o pasado 6 de outubro e este martes falouse directamente coa inspección educativa, á que se lle solicitou a súa intervención.

 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta