A Xunta triplica as axudas contra o lobo, ata os 1,9 millóns de euros

Critica que o Goberno central "deixe Galicia fóra da repartición" dos 20 millóns de euros reservados nos orzamentos xerais de 2022 para paliar os danos do lobo.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 11/10/2022 | Actualizada ás 14:07

Comparte esta noticia

A Xunta de Galicia triplicará o próximo ano o orzamento destinado ás axudas para aplicar medidas de protección que eviten ou mitiguen os prexuízos causados polo lobo nas explotacións agrícolas e gandeiras. Deste xeito, a cifra dispoñible ascenderá a 1,9 millóns de euros, fronte aos 600.000 euros que reservou o Goberno galego para tal fin na convocatoria deste ano.

Lobos
Lobos | Fonte: WWF - Europa Press.

Así o anunciou este martes en Oza-Cesuras a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, quen recalcou que se trata dunha contía "sen precedentes" para previr os ataques do lobo en Galicia, un esforzo que enmarcou na aposta da Xunta pola prevención e no seu apoio ao sector primario ante o "escenario de incerteza" xerado polo Goberno central coas súas recentes decisións sobre a xestión desta especie.

Durante a súa visita a unha explotación que en 2021 sufriu un destes ataques e recibiu unha axuda autonómica por importe de case 600 euros, a responsable galega lembrou que, coa inclusión do lobo na listaxe de especies silvestres en réxime de protección especial, o Ministerio para a Transición Ecolóxica "demostrou descoñecer a realidade das comunidades 'lobeiras'", entre as que está Galicia, onde o estado de conservación desta especie "é favorable".

Neste sentido, dixo que, desde 2017, a cifra de avisos e animais afectados as incursións do lobo mantéñense estables en Galicia, con máis de 1.200 chamadas ao ano relacionadas con supostos ataques desta especie e máis de 2.000 reses afectadas.

Para contrarrestar estes datos e "apoiar o sector gandeiro na súa convivencia con esta especie", a conselleira explicou que a Xunta aposta desde hai anos por convocar sucesivas ordes de axudas para paliar os danos que provoca e para adoptar as medidas e accións de protección necesarias co obxectivo de evitar o impacto que teñen estes ataques sobre as explotacións.

De feito, só no período 2016-2022, o Goberno galego destinou case 6 millóns de euros a pagar indemnizacións e gastos de prevención e o ano que vén reservaranse 2,5 millóns de euros máis para ambas as ordes de axudas.

REPARTICIÓN DE FONDOS DO ESTADO

A conselleira aproveitou esta ocasión para criticar que o Goberno central acabe de confirmar a súa intención de "deixar Galicia fóra da repartición" dos 20 millóns de euros reservados nos orzamentos xerais de 2022 para paliar os danos do lobo.

Ao respecto, Ángeles Vázquez explicou que leste mesmo martes recibiu unha carta do secretario de Estado de Medio Ambiente, Hugo Morán, na que se afirma que, se Galicia quere recibir parte destes fondos, "ten que aceptar" antes a Estratexia estatal do lobo aprobada este verán. "Pero Galicia non pode aceptala porque suporía vender aos gandeiros e mesmo vender a biodiversidade", declarou.

En todo caso, Vázquez subliñou que a Xunta "seguirá estando á beira dos gandeiros", mobilizando só no campo da prevención un total de 1,9 millóns de euros a través dunha nova convocatoria de axudas que financiarán, entre outros, a adquisición e mantemento de cans protectores e defensores do gando, a compra de pastores eléctricos, ou a instalación de cercas móbiles de malla electrificada ou de valados.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta