Por E.P. | A CORUÑA | 11/10/2022 | Actualizada ás 15:56
O director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, participou este martes na presentación do proxecto 'Reencontro coa Galicia Medieval', unha nova proposta cultural que promoverá estes meses de outubro, novembro e decembro a Galicia do medievo a través da música, a arte e distintas actividades divulgativas, co apoio da Xunta, nos concellos de Negreira e Padrón e Afundación.
Durante o acto, Lorenzo agradeceu aos promotores o seu traballo por achegar propostas culturais "para todos os públicos e de maneira repartida por distintas contornas urbanas e do rural, na liña do traballo levado a cabo polo Goberno autonómico para achegar unha oferta cultural diversificada e distribuída por todo o territorio".
A proposta está coordinada polo catedrático Xosé Antonio Ponche Far e organizada polo Grupo Medievalium Gallaecia, composto polo pintor Pedro Castro Couto, a catedrática e escritora Mª Eva Ocampo Vigo, a soprano e profesora do Conservatorio da Coruña Vitoria Álvarez Acón, o zanfoñista e flautista Eloy Vázquez e o percusionista Alberto Cabezas.
O proxecto arrincará en Negreira, onde se celebrará do 22 ao 31 de outubro, para continuar do 3 ao 14 de novembro en Padrón e pechar na sede de Afundación de Ferrol, do 3 ao 17 de decembro. Proponse un achegamento á Idade Media a través dunha exposición de pintura medieval do pintor Pedro Castro Couto; un concerto de música medieval con zanfoña e soprano polo Grupo Medievalium Gallecia, así como unha conferencia ilustrada con imaxes dos castelos medievais galegos polo catedrático Xosé A. Ponche Far.
Tamén se editará unha unidade didáctica, 'A Idade media en Galicia (S. V-XV)', da catedrática Mª Eva Ocampo Vigo, para alumnado de Secundaria, na que se explica historia, costumes e arte da época medieval na comunidade.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.