O BNG busca que os orzamentos do Estado contemplen acabar "xa" a autovía Santiago-Lugo

Lembra que leva máis de 20 anos en construción.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 11/10/2022 | Actualizada ás 18:31

Comparte esta noticia

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, avanzou que defenderá nos orzamentos xerais do Estado un incremento das partidas previstas para 2023 para a autovía Santiago-Lugo, despois de "deixar 50 millóns pendentes" para as contas de 2024. Así, a formación nacionalista reclamará máis investimento para poder finalizar "xa" a autovía A-54, que leva máis de 20 anos en construción.

O BNG defenderá partidas nos orzamentos de 2023 para rematar a autovía Santiago-Lugo
O BNG defenderá partidas nos orzamentos de 2023 para rematar a autovía Santiago-Lugo | Fonte: BNG.

Rego apuntou a necesidade de acabar con este "déficit histórico" que sofre Galicia en materia de infraestruturas de comunicación, ante a "demora" que suporía a situación actual ata polo menos 2025.

O BNG aposta por acumular a totalidade do investimento restante neste ano e buscará, neste sentido, o "compromiso" do Goberno para dar impulso a esta actuación, co fin de que se poida dar por finalizada o próximo ano.

"Estes investimentos non atenden as necesidades perentorias do presente nin compensan aquelas que fomos arrastrando no pasado", manifestou Néstor Rego, que acudiu a visitar as obras a Palas de Rei, acompañado de cargos institucionais e orgánicos do BNG na zona.

Rego comprometeuse a presentar emendas aos orzamentos do Estado nese sentido para que o "Goberno cumpra con Galicia". Concretamente, no proxecto de orzamentos, contémplanse 54 millóns para os tramos entre Arzúa e Melide e Melide con Palas de Rei, pero deixa 50 millóns para 2024.

"Temos un dobre problema, porque o Goberno do Estado non orza o suficiente en 2023 para finalizar obras como a A-54 e, ademais, o que orza ano a ano non o executa", advertiu Rego, quen lembra que se trata dunha vía de comunicación de "especial relevancia para a conexión por estrada das comarcas de Lugo" que, ademais da demora nas autovías, arrastran un "importante déficit en infraestruturas ferroviarias".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta