Pontón gaba o labor de Inditex por "non renunciar ás súas orixes"

A portavoz nacional do BNG visita ás instalacións de Arteixo e destaca "a importancia" de contar en Galicia "cunha empresa referente a nivel mundial".

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 11/10/2022 | Actualizada ás 18:46

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, visitou este martes as instalacións de Inditex no concello coruñés de Arteixo, onde destacou "a importancia" de contar en Galicia "cunha empresa referente a nivel mundial" como a multinacional téxtil.

Ana Pontón visita a sede de Inditex en Arteixo
Ana Pontón visita a sede de Inditex en Arteixo | Fonte: BNG.

A líder nacionalista coñeceu a sede da compañía guiada polo conselleiro delegado de Inditex, Óscar García Maceiras, e acompañada por membros da formación frontista como o portavoz na Coruña, Francisco Jorquera, e a deputada no Parlamento galego Mercedes Queixas.

Alí, Pontón resaltou o peso no tecido económico galego de Inditex, da que enxalzou a súa "capacidade de adaptarse aos novos retos que impón a globalización nun sector tan competitivo e fragmentado o da moda, e todo sen renunciar ás súas orixes".

O Bloque apunta que Pontón intercambiou durante a visita "reflexións" sobre a sustentabilidade, a mobilidade das infraestruturas intermodais na loxística ou a formación.

Por último, a portavoz nacional resaltou o papel de Inditex como "referente" dun sector téxtil que ve necesario "seguir potenciando pola súa capacidade de xerar actividade económica e emprego".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Xanc

Como nacionalista non estou dacordo con esta visita, pero como cidadán galego entendo que a futura Presidenta da Xunta visite a maior empresa internacional de orixe Galega. Pontón segue con paso firme, camiño á presidencia da Xunta.