O PP dise o "partido do rural" e pide "máis apoio financeiro" para as zonas afectadas polos incendios

Os populares critican o "insignificante" crecemento nos fondos que se destinan ás políticas para o medio rural do próximo ano.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/10/2022 | Actualizada ás 12:51

Comparte esta noticia

O PPdeG afeou a "clara falta de apoio financeiro" do Goberno central no ámbito forestal de Galicia e esixiu un maior investimento nos Orzamentos Xerais do Estado (PGE) para a recuperación das zonas afectadas pola vaga de incendios que arrasou Galicia. Así o expuxo a secretaria xeral dos populares galegos, Paula Prado, na reunión da Comisión de Medio Rural que presidiu xunto ao coordinador desta área, Avelino Souto.

En concreto, os populares criticaron o "insignificante" crecemento nos fondos que se destinan ás políticas para o medio rural do próximo ano, cuxo incremento é inferior ao 0,3% con respecto á dotación do 2022. "A subida xeral é ínfima fronte á doutras áreas, como a dos programas especiais de Defensa ou as subvencións ao transporte", dixo Paula Prado, que cualificou estas Contas de "auténtica decepción".

Paralelamente, a secretaria xeral dixo que "non se entende" que, tras os lumes que afectaron a todo o país, non conste nas Contas públicas ningunha referencia concreta á restauración de zonas queimadas, así como tampouco ao Real Decreto aprobado en agosto polo Executivo central de adopción de medidas urxentes en incendios forestais.

No ámbito da agricultura, gandaría e alimentación, os populares cuestionaron que os fondos "tan só se incrementen nun 1,8%", mentres os da Unión Europea reducen a súa contribución nun 1,1%.

"Somos o partido do rural e por iso non deixaremos de pedir o que este medio merece e que debe estar recollido nos Orzamentos Xerais do Estado", dixo Paula Prado, que reclamou cuestións como contar con medios aéreos permanentes do Estado na Comunidade e a creación dunha segunda base de helicópteros en Galicia, coa súa correspondente brigada helitransportada.

A maiores, Prado solicitou un maior investimento para mellorar os regadíos da Limia, "un compromiso que non aparece por ningún sitio", e demandou para o período 2023-2027 da Política Agraria Común, atender ás especificidades de Galicia en temas transcendentais como o pago redistributivo ou a configuración das rexións PAC para impulsar un modelo que defenda as pequenas e medianas explotacións.

NOVA LEI DE CALIDADE ALIMENTARIA

Neste encontro tratouse tamén a nova Lei de calidade alimentaria, cuxa tramitación está en proceso e se prevé levar ao Parlamento antes de terminar 2022. O principal obxectivo da nova Lei, lembraron os populares, é que os produtos galegos alcancen "unha nova dimensión no mercado, máis competitiva e atractiva", favorecendo tamén o desenvolvemento local, a creación de emprego e a diversidade produtiva.

De maneira simultánea, búscase achegar ás persoas consumidoras todas as garantías de que o produto que se ofrece pasou rigorosos controis de calidade e estivo sometido a un especial coidado no proceso de produción e comercialización.

A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, na Comisión de Medio Rural.. PPDEG
A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, na Comisión de Medio Rural.. PPDEG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta