O BNG pide un "sistema fiscal xusto" para blindar os servizos públicos fronte ao "pelotazo" do PP

Reclaman unha fiscalidade xusta "pola que pague máis quen máis ten".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/10/2022 | Actualizada ás 14:55

Comparte esta noticia

O BNG volveu reclamar este mércores un "sistema fiscal xusto" no que "pague máis o que máis ten" e que permita blindar os servizos públicos fronte ao "pelotazo fiscal" do Partido Popular. Así o dixo a viceportavoz parlamentaria, Olalla Rodil, durante a súa intervención e unha homenaxe ás mártires de Nebra, unhas mulleres que "se revelaron contra os impostos abusivos" do Concello de Porto do Son da época.

Cen anos despois deste acontecemento, e a pesar de todos os cambios, "segue sendo necesario reivindicar xustiza social nos impostos fronte a forzas políticas que, como o Partido Popular, fai rebaixas fiscais aos ricos", como a redución do imposto do patrimonio, "que supón deixar as arcas públicas sen 34 millóns de euros, tan necesarios para financiar os servizos públicos, máxime nun momento de crise", dixo Rodil. "Son recursos que permitirían contratar máis persoal médico ou máis profesores no ensino", engadiu.

Fronte a isto, o BNG reclama unha fiscalidade xusta, "pola que pague máis quen máis ten", e que leve a un "sistema impositivo progresivo que permita recadar o necesario para blindar os servizos públicos e para garantir os dereitos sociais nun momento de descontrol de prezos que está empobrecendo a maioría social". Por iso, o BNG defende unha reforma fiscal "pensada para o 99% dos galegos e non para unha minoría formada polos máis ricos, que é para a que goberna o PP", afirmou Rodil.

MÁRTIRES DE NEBRA

No acto de homenaxe, Rodil fixo unha alegación a favor da memoria de mulleres que, como as mártires de Nebra, protagonizaron unha historia de loita social. "Facer memoria como galegas, como mulleres e como traballadoras", dixo.

Francisca Carou, Ramona Suárez, Xenerosa Vidal e Rosa Cadórniga estaban naquela mobilización "para defender o que era seu, a súa casa, as súas vidas", e "por iso foron asasinadas" un 12 de outubro de 1916, cando máis de 400 persoas se manifestaban contra uns abusivos impostos cos que o Concello de Porto do Son decidira pagar a débeda que tiña coa Deputación da Coruña.

Olalla Rodil
Olalla Rodil | Fonte: BNG - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Moine

O único sistema fiscal justo é "O concerto económico" semelhante ao euzkaldum e navarro. Todo o demais é colonialismo.