Presentado o último orzamento da lexislatura na Deputación de Pontevedra, aínda que a presidenta espera traer "máis"

Trátase do orzamento "máis ambicioso" de toda a historia da institución e, en palabras da presidenta Carmela Silva, "está pensado, elaborado e moi traballado para dar respostas aos concellos e á cidadanía nun contexto tan complexo como no que estamos".

Por E.P. | PONTEVEDRA | 13/10/2022 | Actualizada ás 14:58

Comparte esta noticia

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva e o vicepresidente, César Mosquera, presentaron este xoves o orzamento da administración provincial para o ano 2023 que aumenta nun 6,55% con respecto a 2022 e que supón pór a disposición da provincia un total de 187,35 millóns de euros ao sumar aos 181,63 millóns do orzamento os 5,72 millóns de remanentes deste ano.

Carmela Silva informou que a Deputación de Pontevedra aprobará no pleno extraordinario do próximo día 21 este orzamento que "é o último deste mandato pero, querido vicepresidente, eu estou segura que imos aprobar máis presupostos no futuro", dixo. Respondéndolle Mosquera "partido a partido".

Trátase do orzamento "máis ambicioso" de toda a historia da institución e, en palabras da presidenta Carmela Silva, "está pensado, elaborado e moi traballado para dar respostas aos concellos e á cidadanía nun contexto tan complexo como no que nos atopamos".

Pola súa banda, o vicepresidente, definiu as contas como "ambiciosas, expansivas e prudentes", e subliñou que o capítulo que máis crece é o dos investimentos, que pasa de 12 a 17 millóns de euros (un 33,1%) e que, como nos anos anteriores, segue sen haber fondos de libre disposición para a presidenta e para el.

O orzamento de 2023 é "claramente progresista" e, como asegurou Carmela Silva, "dá resposta a promover e garantir dereitos e servizos vivas onde vivas, un orzamento que se asenta na Axenda 2030, na Axenda Urbana e na dinamización económica, cultural e social da provincia".

PLAN CONCELLOS

O Plan Concellos aumenta ata os 44 millóns de euros en transferencias directas, un millón máis que no 2022 destinado especificamente aos municipios de menos de 20.000 habitantes. Ademais dos recursos do Plan Concellos hai outras accións destinadas tamén aos municipios que suman outros 24,85 millóns.

Segundo Carmela Silva "estas cifras revalidan á Deputación de Pontevedra como a institución provincial que máis recursos transfire ao territorio cun 33,7% cando a media do Estado está no 17% e en Ourense non chega ao 0,5%".

Tamén destacou que desde a chegada do PSOE e o BNG ao goberno da Deputación de Pontevedra destinaron aos concellos 327 millóns de euros, lembrando que "a Xunta dedica cada ano 112 millóns de euros aos municipios de toda Galicia, polo que o esforzo que fixemos é incrible, é extraordinario, nin o soñaban os concellos no 2015".

A presidenta provincial engadiu que a este "gran orzamento" fáltanlle por sumar os recursos da Unión Europea, xa que contemplan alcanzar no 2023 o equivalente a un orzamento adicional para a provincia, con 60 proxectos en marcha e 25 millóns de euros en estudo para impulsar iniciativas centradas na transición verde e dixital como retos principais.

César Mosquera tamén apuntou que os orzamentos se van a aprobar "máis rápido que nunca" grazas a que a Deputación está a funcionar politicamente "de maneira pacífica e sen problemas", consecuencia da "experiencia" e de que o goberno bipartito "está asentado en bases sólidas acordadas en 2015".

Presentación dos orzamentos para 2023 da Deputación de Pontevedra. RAFA ESTEVEZ
Presentación dos orzamentos para 2023 da Deputación de Pontevedra. RAFA ESTEVEZ | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta