Emerxencia de saúde mental nos institutos galegos: "Cada vez vemos máis rapaces que se autolesionan"

A comunidade educativa sinala o aumento das enfermidades mentais na mocidade e pide a inclusión de profesionais da psicoloxía educativa nos cadros de persoal dos centros educativos de Galicia.

Por Uxía Iglesias | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/10/2022 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A saúde mental de moita poboación adolescente pende dun fío e iso nótase cada vez máis nos institutos galegos, uns espazos nos que a mocidade pasa boa parte das súas xornadas diarias. "A situación é complexa e delicada. Vemos condutas autolesivas, ansiedade e depresión, moitos adolescentes con pastillas no peto, trastornos do sono e da alimentación, adiccións ao móbil, á pornografía... E intentos de suicidio". Quen fala é Manuela del Palacio, presidenta da sección de psicoloxía educativa do Colexio Oficial de Piscoloxía de Galicia e orientadora nun centro educativo de Secundaria.

Tres adolescentes nun banco
Tres adolescentes nun banco | Fonte: Save the Children

As situacións socioeconómicas e de saúde derivadas da pandemia da Covid-19 explican, en parte, o aumento de ata o 47% dos trastornos de saúde mental en menores, e de ata un 59% dos comportamentos suicidas, segundo un estudo realizado por profesionais da Sociedad de Psiquiatría Infantil, a Sociedad Española de Urgencias Pediátricas e a Asociación Española de Atención Primaria, que tamén constatan que na mocidade de 15 a 29 anos, o suicidio é a segunda causa de morte, só superado polo cancro. "Cada vez observamos máis casos de rapaces e rapazas que se autolesionan, e ás veces isto vai acompañado de ideación ou planificación da morte", concorda outra orientadora dun centro coruñés, M. I. C., que prefire manterse no anonimato para asegurar a confidencialidade do seu relato.

OS TRASTORNOS MENTAIS INSTÁLANSE NOS INSTITUTOS

"Os problemas de saúde mental na infancia e na adolescencia están aumentando e todos eles se están adiantando no tempo; as condutas autolíticas danse ás veces en crianzas de oito anos. Son datos preocupantes", explica. No seu instituto, esta orientadora activou o protocolo antisuicidio, cando menos, en tres ocasións nos dous últimos anos. Problemas familiares ou diagnósticos de enfermidades mentais adoitan estar detrás. "Ás veces tardan moito en expresalo. Eu atopeime cunha alumna que me falou de que se estaba autolesionando e xa levaba cinco anos facéndoo", sinala.

Crear un ambiente de confianza é fundamental para favorecer a comunicación e que o instituto sexa visto como un espazo seguro. "Ás veces resúltalles máis fácil falar cunha persoa allea á familia, que en moitos casos non é a primeira en enterarse, e iso tamén xera nelas culpabilidade por non ter identificado a situación", di M.I.C. Con todo, si observa que a maior normalización das conversas sociais sobre saúde mental nos últimos tempos sacode o estigma destes problemas. "Hai casos de resistencia, pero en xeral, vexo que son máis favorables a iniciar as peticións de axuda. Recoñecen que se atopan mal e dinme 'estame pasando isto, necesito axuda'". 

Alumnado e estudantes dun instituto /XUNTA - Arquivo / Europa Press
Alumnado e estudantes dun instituto /XUNTA - Arquivo / Europa Press

Nestes días, a Xunta de Galicia vén de facer unha actualización do protocolo de prevención do suicidio, que databa do 2018, ao considerar a necesidade de "incluír novas estratexias" co obxectivo de "abordar os malestares e o sufrimento psicolóxico" e "reducir o risco de suicidio da nosa poboación nos vindeiros anos", segundo se explica no documento. 

Esta nova guía [pode consultarse aquí] crea unha vía rápida de derivación a saúde mental coordinada entre os centros escolares, o 061, Atención Primaria e Saúde Mental; e entre outras novidades, recolle a aplicación do programa YAM (Youth Aware of Mental health), do Instituto Karolinska, que busca facer a mocidade consciente da súa saúde mental a través de traballos grupais sobre como resolver os problemas da vida cotiá. Estes desenvolveranse no curso 2023-2024 en determinados centros de Secundaria seleccionados, e se os resultados son satisfactorios, estenderase a todos os institutos para a poboación de entre 12 e 16 anos. 

FALTA DE RECURSOS HUMANOS

"Sabemos que a Xunta é consciente do problema, pero a nós preocúpanos quen vai desenvolver todo isto. Quen vai implementar estes programas? Non hai recursos humanos, non hai persoas formadas nos institutos. Dende o Colexio de Psicoloxía de Galicia pedimos que psicólogos entren a formar parte dos claustros de profesorado dende infantil ata secundaria", demanda Del Palacio, que na súa xornada laboral como orientadora está ao cargo de 800 alumnos e alumnas. A ratio recomendada pola Unesco é dun orientador escolar por cada 250 alumnos, pero a maioría dos centros galegos supérana amplamente. 

"A desatención á saúde mental nos colexios é total, e máis ante unha situación que está tomando uns derroteiros aos que non estabamos acostumados", explica a psicóloga e orientadora, que ve que a mocidade "sofre" o aumento das desigualdades e da pobreza nas súas familias a raíz da pandemia e da carestía da vida. "Cumprir as ratios é fundamental para sermos eficaces na formulación das accións e na prevención das condutas suicidas", engade Del Palacio, que asegura que dende o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia se poñen "a disposición" da Consellería de Educación de cara a dotar os institutos das ferramentas e persoal necesario ante a emerxencia de saúde mental que atravesa o alumnado.

PROFESIONAIS DESBORDADOS

M.I.C., que é orientadora dun centro de entre 230 e 260 alumnos no que se cumpre a ratio, asegura que a "familiaridade" que se crea nun instituto cativo axuda na identificación das problemáticas. Aínda así, "a sensación que temos é de que non chegamos", explica. "Nos centros grandes a situación convértese en desbordante; hai moitos profesionais na orientación con ansiedade, e tamén entre o profesorado. O estrés, a falta de recoñecemento e os constantes cambios educativos aos que nos solicitan adaptarnos sen tempo suficiente xera crispación e descontento", sinala. 

A sobrecarga de tarefas crean unha situación de agobio no profesorado, que agora ten enfronte un alumnado que precisa de máis atención ca nunca. "Séguenos faltando formación e hai que traballar moito máis na prevención e en toda a parte de benestar emocional co alumnado. Cando podemos, recorremos a persoas externas para dar obradoiros, pero isto ten uns custos moi elevados", lamenta a orientadora, que bota en falta un maior acompañamento profesional e unha maior coordinación entre servizos educativos e sanitarios.

"Ás veces desisto porque non son quen de establecer unha comunicación co servizo de Saúde Mental, que ten a axenda completa e que moitas veces non coñece os protocolos en educación", sinala. "E se a familia non autoriza a coordinación, as posibilidades de actuar redúcense considerablemente, sobre todo nos casos máis necesitados", engade. Por iso, dende os equipos de orientación piden acompamaneto. "Precisamos que cando descolguemos un teléfono para solicitar axuda, nos collan; atopámonos con situacións novas e precisamos asesoramento e formación. Esa coordinación daríanos tranquilidade e liberaríanos da presión tan alta que recibimos como profesionais", expón. 

Manuela del Palacio e M.I.C. poñen o foco na necesidade de "aunar forzas" para dar unha resposta eficaz ao alumnado. Para iso, din, cómpre facer unha abordaxe dende diferentes aspectos sociais: "Os nenos non están tan acompañados polas súas familias porque non se favorece a conciliación, hai alumnado que pasa o día só, educado polas redes sociais, con moita presión de grupo. A educación e a sanidade son importantes, pero hai moitas outras teclas sociais e económicas que hai que tocar. A situación é abondo alarmante como para actuar", sentenzan. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Sentidiño

Os servizos de orientaciôn actuais, nos Ceip e nos Ies, estàn formados por burócratas negacionistas: non hai conflito, a culpa é dos pais. Todas fóra, e creación de verdadeiros gabinetes psicolóxicos en todos os centros públicos.