A Xunta rexeita en Bruxelas a protección especial para o lobo

Cualifica ademais de "chantaxe" ter que referendar a Estratexia Nacional do Lobo para recibir os fondos para os danos causados polo animal.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/10/2022 | Actualizada ás 14:13

Comparte esta noticia

A Xunta de Galicia rexeitou en Bruxelas a decisión do Goberno central de incluír todas as especies de lobo na Listaxe de Especies Silvestres en Réxime de Protección Especial (Lespre), unha decisión que tachan de "unilateral" e que consideran "carece de xustificación técnica".

A directora xeral de Patrimonio Natural, Belén María do Campo Piñeiro, compareceu este venres ante a Comisión 2ª de Ordenación Territorial, Obras Públicas, Medio Ambiente e Servizos do Parlamento de Galicia para informar sobre a reunión mantida o 12 de setembro en Bruxelas co comisario europeo de Medio Ambiente, Océanos e Pesca, Virginijus Sinkevincius. Nela tamén participaron conselleiros de Asturias, Cantabria e Castela e León, ademais de Galicia.

Tal e como asegurou Piñeiro, todas as comunidades mostraron ante o comisario a súa oposición "común e firme" á inclusión de todas as poboacións de lobo no Lespre. Criticou ademais que os informes nos que se basea o Executivo central para a toma de decisións fosen elaborados "á marxe das administracións rexionais con competencias na xestión do lobo" e que se utilice "para impor medidas afastadas do verdadeiro estado de conservación das especies".

"O propio Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico (Miteco) non tivo en conta os datos achegados polas comunidades como o tamaño das poboacións de lobo, a súa localización ou os graves problemas respecto da gandaría. Trátase dun cambio de regulación aprobado unilateralmente polo Goberno central a través dunha orde ministerial xurdida dunha petición dunha ONG, na que xa se recoñeceu o carácter subxectivo dos criterios", relatou Piñeiro.

"CHANTAXE DO GOBERNO CENTRAL"

Respecto da aprobación da Estratexia Nacional do Lobo, o Goberno galego lamenta a súa aprobación "por ir contra as rexións afectadas". Asegura Piñeiro que non se avaliou a estratexia anterior e se fixo "caso omiso" á petición, "por parte de todas as comunidades", dun censo estatal actualizado do lobo. Sobre isto, avanzou que Galicia "traballa nun" que fará público antes de finalizar o ano. 

Lobos
Lobos | Fonte: WWF - Europa Press.

Por último en canto á estratexia, insistiu en que saíu aprobada "con unilateralidade e falta de consenso", xa que se ratificou "co apoio de comunidades autónomas onde a presenza do lobo é testemuñal". A directora xeral censurou tamén que o Goberno deixase a Galicia "fóra" da repartición dos 20 millóns previstos para paliar os danos do lobo. Segundo explica, o secretario de Estado de Medio Ambiente, Hugo Morán, enviou unha carta na que sinalaba que "para acceder aos fondos, había que aceptar a estratexia nacional".

"Iso é unha chantaxe e Galicia non pode aceptalo", aseverou Piñeiro, que lembrou ademais que "saltaron a aprobación da iniciativa na Conferencia Intersectorial". Confirmou tamén que este mesmo xoves a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, enviou un escrito ao secretario "reiterando" recibir o diñeiro.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta