Conde defende os "orzamentos sociais" da Xunta e ve nas contas do Goberno "falta de credibilidade"

O vicepresidente primeiro da Xunta e conselleiro de Economía afirma que duplicará " o bono eléctrico" para que "as familias máis vulnerables teñan garantido o abastecemento eléctrico".

Por E.P. | Santiago de Compostela | 16/10/2022 | Actualizada ás 14:19

Comparte esta noticia

O vicepresidente primeiro da Xunta e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde defendeu os "orzamentos sociais" do Goberno de Galicia previstos para o 2023 e acusou o Goberno central de "falta de credibilidade" coas súas previsións económicas para o próximo ano.

O vicepresidente Francisco Conde
O vicepresidente Francisco Conde | Fonte: Xunta de Galicia.

Nunha entrevista na Radio Galega, o vicepresidente primeiro asegurou que as contas galegas para 2023 inclúen medidas "moi importantes desde o punto de vista social ou educativo" que se suman ás xa anunciadas "desde o punto fiscal".

Conde, que asume durante estes días os asuntos de Presidencia con motivo da viaxe a Arxentina e Uruguai do presidente Alfonso Rueda, explicou que en materia enerxética van duplicar " o bono eléctrico" para que "as familias máis vulnerables teñan garantido o abastecemento eléctrico", ademais de "incrementar o bono técnico".

Medidas, sinalou Conde, que se complementarán co "apoio a investimentos". "Estamos a facer uns orzamentos en positivo pensando nas familias, as pequenas e medianas empresas, os autónomos e a industria", concretou o vicepresidente primeiro.

Así mesmo, Conde acusou ao Goberno central de "falta de credibilidade" coas previsións económicas para o ano que vén. O vicepresidente cre que o Executivo de Pedro Sánchez debería trasladar con "máis credibilidade e certezas" cal é "a situación real de España" porque, na súa opinión, "beneficiará ao resto de decisións económicas".

"O propio Banco de España fixo unha emenda ás previsións económicas do Goberno, tamén o FMI e iso non beneficia á situación da economía pola percepción que teñen os investidores sobre as decisións que se están tomando no noso país", lamentou.

En relación ao plan económico remitido por Moncloa a Bruxelas, Franscico Conde lamentou que non se detalle a "realidade" de que o Goberno "está a incrementar os ingresos". Unha situación, que asegurou, "non está a repercutir en baixadas de impostos ás familias".

Nese sentido, continuou, "o Goberno non aplica medidas que realmente poden atenuar o impacto que sofren as familias e as propias empresas".

Para Francisco Conde, esta situación é "anormal" e é necesario que "se poida corrixir de forma inmediata" porque "tanto o prezo enerxético como a inflación son os grandes lastres que ten a recuperación económica".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta