O BNG denuncia a "barbaridade" de ter Urxencias "sen médico" e pide a comparecencia do conselleiro

"Imos defendela por terra, mar e aire; con uñas e dentes se fai falta", di Ana Pontón.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/10/2022 | Actualizada ás 12:09

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, avanzou que o seu grupo solicitará a comparecencia urxente do conselleiro de Sanidade, Xulio García Comesaña, ante a "auténtica barbaridade" de que haxa servizos de urxencias en atención primaria "sen médico".

En rolda de prensa, Pontón referiuse a o ocorrido en puntos de atención continuada (PAC), isto é, servizos de urxencia en atención primaria, "sen médico" nos pasados días, entre os que citou á Guarda, Marín, Baltar e O Grove. Denunciou que isto está a levar a unha "situación límite" á atención primaria e acusou á Xunta de querer "normalizar" que haxa "centros de saúde ou servizos de urxencia sen médico", o que considera "unha auténtica barbaridade".

Respecto diso, apuntou que os cidadáns están a dicir "alto e claro xa abonda" nas rúas con protestas, e engadiu que "o que está a pasar no Salnés" é unha "zona cero pero é un problema que se dá ao longo e ancho de Galicia". Por iso, cargou contra os "recortes e deterioración" na sanidade pública, xa que "teñen consecuencias moi graves", e subliñou que o Goberno galego "ten que rectificar".

Pontón criticou a un PP "instalado na prepotencia" e "ignorando o que reclama a maioría social" e advertiu de que "nin o BNG nin a sociedade galega" van "permitir que se deteriore a atención primaria porque é a garantía de que todas as persoas" teñan "os mesmos dereitos" cando están "enfermos". "Imos defendela por terra, mar e aire; con uñas e dentes se fai falta", incidiu.

MÁIS RECURSOS

Tamén anunciou que o BNG pedirá "máis recursos para atención primaria" nos orzamentos da Xunta para 2023: "como mínimo incrementar un 2,2%" a partida, "para igualar o investimento que se fai en Galicia coa media estatal", tendo en conta que a comunidade galega está "no posto número 14".

"A segunda proposta é retirar o pelotazo fiscal que prepara o PP de perdoar 34 millóns a 7.700 millonarios porque con eses 34 millóns poderiamos destinalos a reforzar a atención primaria", salientou.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, en rolda de prensa. BNG
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, en rolda de prensa. BNG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta