As medidas sociais pola pandemia evitaron que 127.000 galegos entrasen en risco de pobreza

Galicia reduce a súa taxa de pobreza, pero o índice increméntase para as mulleres e alcanza o 34% dos nenos e mozos.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 17/10/2022 | Actualizada ás 15:08

Comparte esta noticia

As medidas sociais postas polos gobernos central e galego por mor da pandemia da covid-19 evitaron que 127.000 galegos entrasen en situación de risco de pobreza ou vulnerabilidade, un índice que diminuíu en 2021 con respecto a 2020, pero que se agravou para as mulleres e para os nenos e mozos, un grupo no que alcanza o 34%.

Presentación do informe sobre a pobreza en Galicia.
Presentación do informe sobre a pobreza en Galicia. | Fonte: Europa Press

Así o reflicte o informe 'O Estado da Pobreza en Galicia 2021', da Rede Europea de Loita contra a Pobreza e a Exclusión Social (EAPN Galicia), que se presentou este luns na sede da Valedora do Pobo, en Santiago de Compostela.

En concreto, o informe recolle que se non se puxesen as medidas extraordinarias de política social implantadas para combater os efectos da pandemia, a taxa de pobreza en Galicia aumentaría en 4,9 puntos con respecto ao ano anterior, en lugar de diminuír --como así foi--.

Isto implica, destacan desde EAPN, que habería unhas 127.000 persoas máis en risco de exclusión social ou pobreza e a taxa superaría os 30 puntos. "Debería de ser unha aprendizaxe para afrontar a actual crise derivada da inflación, evitando problemas de coordinación e problemas partidistas: hoxe habería 127.000 galegos máis en risco de pobreza se non existise ese compromiso político e orzamentario", dixo Eloína Ingerto, presidenta de EAPN-Galicia, que mencionou medidas como os ERTE e o Ingreso Mínimo Vital, por parte do Goberno central, ou as melloras na Risga e a Tarxeta Básica, da Xunta.

Con iso, a presidenta de EAPN-Galicia reclamou que se manteñan este tipo de medidas e, en particular, referiuse á Tarxeta Básica, retirada polo Goberno galego ao tratarse dunha medida excepcional vinculada só á pandemia.

EAPN-Galicia apuntou que medidas como esta Tarxeta Básica foron directamente responsables da diminución de indicadores do risco de pobreza tales como a capacidade de afrontar gastos imprevistos ou a posibilidade para comer carne ou peixe polo menos cada dous días.

"Trátase dun instrumento directo e moi centrado nas persoas en maior situación de pobreza", dixo Eloína Ingerto, para quen tamén serviu para que moitas persoas en vulnerabilidade entrasen en contacto cos servizos sociais. Por todos estes motivos, reclamaron que se manteña: "Defendemos aproveitar o que xa funcionou".

Na mesma liña, a Valedora do Pobo, María Dores Fernández Galiño, destacou a eficacia deste mecanismo para "reducir os índices de pobreza" e pediu que se valore como "unha das medidas que pode axudar a paliar a situación" actual, así como a redución dos trámites burocráticos.

MENOS ÍNDICE DE POBREZA, PERO MÁIS FEMININA

Xosé Cuns, director en Galicia de EAPN, foi o encargado de debullar o informe, que apunta que o ano pasado estaba en situación de pobreza ou exclusión un de cada catro galegos. Concretamente, 678.000 persoas.

Estes datos, con todo, supoñen unha redución no índice de pobreza con respecto ao ano anterior, en contraposición coa evolución a nivel estatal, onde aumentou en case un punto. A pesar deste dato positivo, EAPN Galicia destaca que "se agrava a fiminización da pobreza" en Galicia, algo que se atribúe, sobre todo, á situación das familias monomarentais con fillos.

En concreto, o informe fala de 311.000 homes en situación de pobreza --12.000 menos-- e 367.000 mulleres, o que supón 8.000 máis. Máis da metade de familias en risco de pobreza ou exclusión son, ademais, monoparentais.

Do mesmo xeito, o risco de pobreza en poboación infantil e xuvenil aumenta, do 31,1% ao 34%, e está moi por enriba tanto da taxa en adultos --25,4%-- como en maiores de 65 anos --19,5%--.

Por outra banda, Xosé Cuns apuntou que a taxa de pobreza severa diminuíu entre 2020 e 2021 en Galicia do 9,4% ao 8,8%, e afecta a 237.769 persoas. Con todo, a situación por sexos repítese: mentres que entre os homes baixa do 10,2 ao 8,6%, en mulleres aumenta, do 8,7 ao 9%.

EMPEORA A EMERXENCIA EN VIVENDA

Outro dos puntos que destacaron os responsables do informe é o "agravamento dos problemas de acceso a vivenda". Case un de cada catro galegos dedica xa máis do 40% dos seus ingresos aos gastos de vivenda, un índice que o ano anterior era do 22,9%.

Tamén aumentan os novos fogares con atrasos no pago de gastos --do 8,5 ao 9%-- e a cifra de persoas que non poden manter a súa vivenda á temperatura adecuada --do 9,6 ao 13,1%--, incluso tendo en conta que os datos corresponden á situación anterior á Guerra de Ucraína e a alza de prezos.

Para iso, Eloína Ingerto apremou a políticas que acaben co chabolismo, as infravivendas e os problemas de illamento térmico e rehabilitación de moitas familias, así como que se "reforce con fondos propios o orzamento do Instituto Galego de Vivenda e Solo".

Finalmente, os responsables de EAPN referíronse a "dous perfís" novos que aparecen no informe estatal: o de persoas con estudos e o de traballadores "pobres".

"Cada vez hai máis persoas en risco de pobreza con estudos superiores", dixo Xosé Cuns, así como "persoas que traballan" e, aínda así, permanecen en risco de pobreza, un colectivo que pasou do 13,5 ao 17,9%.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta