Petición de seis anos de cárcere para o acusado de acosar á súa exparella e compañeira de traballo

A suposta vítima achegou como proba gravacións de audio nas que se recollían algúns dos episodios denunciados neste caso de violencia de xénero, sendo reproducido durante a vista oral algún destes testemuños sonoros.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/10/2022 | Actualizada ás 20:10

Comparte esta noticia

A Fiscalía mantivo a súa petición inicial de seis anos de prisión para un home que este martes se sentou no banco dos acusados da sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra por dous delitos de coaccións graves á súa antiga parella e compañeira de traballo nunha base medicalizada do 061 en Lugo. El traballaba como técnico de emerxencias sanitarias e ela como médico.

A suposta vítima achegou como proba gravacións de audio nas que se recollían algúns dos episodios denunciados neste caso de violencia de xénero, sendo reproducido durante a vista oral algún destes testemuños sonoros.

O acusado recoñeceu ante o tribunal que sabía que estaba a ser gravado. Nalgún destes audios escóitaselle lanzar ameazas como "xúroche polo meu fillo que de aquí non saes e se o fas, será cos pés por diante" ou "mentres eu estea en pé, de aquí non te vas".

A fiscal do caso considerou probado que o acusado chegou a deixala encerrada en casa durante todo un día, unha situación que a avogada da acusación particular considera que é un delito de detención ilegal, mentres que a Fiscalía valórao como coaccións.

A muller relatou ante o tribunal que cando estaba encerrada non pediu axuda aos veciños porque "tiña medo" a que lle fixese dano a ela ou "se fixese dano a si mesmo", xa que ameazara con aforcarse. Segundo explicou, sentía "totalmente bloqueada e anulada". "Estaba completamente paralizada", explicou.

O acusado recoñeceu ese episodio e tamén a súa voz neses audios, pero asegurou que foi ela quen ameazou con suicidarse e mesmo fixo simulacro de tirarse pola xanela ou de cravarse un coitelo, por iso el empezou a dicirlle que tamén el se suicidaría, para facerlle ver con ese "exemplo" que se el se mataba "que pensaría ela". Tamén admitiu que non a deixou saír de casa, pero xustificouno explicando que bebera e non quería que ela collese o coche até Vilagarcía.

En xullo de 2019 a muller decidiu romper a relación, algo que o acusado non aceptou, chegando a dicirlle que "lle ía a arruinar a vida e o traballo", que todo sería "un inferno" para ela ou que se ía a aforcar o día dos seus aniversarios cun cartel dándolle as grazas. A muller tamén explicou que tras a ruptura, o home envioulle numerosas mensaxes e audios de WhatsApp para que volvese con el; mesmo cambiou gardas para coincidir con ela no traballo.

Ademais do seis anos de cárcere, a Fiscalía tamén solicita que se lle impoña ao acusado unha orde de afastamento da vítima de polo menos 500 metros durante os 18 meses seguintes á pena de prisión imposta e que a comunicación coa muller non poida establecerse por ningún medio, nin telemático nin escrito, verbal ou visual.

En canto á responsabilidade civil, a Fiscalía solicita unha indemnización de 10.300 euros polos danos físicos e morais causados. O xuízo quedou visto para sentenza.

Audiencia Provincial da Coruña.
Audiencia Provincial da Coruña.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta