O alcalde de Pontevedra enfronta "con toda a ilusión do mundo" á reunión con Rueda

A variante de Alba, o Hospital Provincial, o dragado da ría e a seguridade viaria, entre os asuntos que abordará o próximo día 25

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/10/2022 | Actualizada ás 15:41

Comparte esta noticia

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, avanzou que na próxima entrevista co presidente da Xunta, Alfonso Rueda, tratarán "practicamente os mesmos temas que hai dous anos cando foi a última reunión", celebrada en xuño de 2020 con Alberto Núñez Feijóo como titular do Executivo galego.

O rexedor destacou que a variante de Alba é un dos asuntos "máis importantes" dos que quere falar o martes día 25 para "tratar de convencer ao presidente de que ten que executarse".

Trátase dunha estrada demandada polo Concello "desde hai moitos anos", que a considera "necesaria" para conectar as estradas de Santiago e Vilagarcía ao norte do centro urbano e "liberar á cidade dese tráfico pesado".

Esta infraestrutura permanece bloqueada polas discrepancias entre Xunta e goberno local acerca do seu trazado que a Administración autonómica pretende que se deseñe solicitando o "consenso veciñal".

HOSPITAL PROVINCIAL

Outra "demanda razoable" na axenda do alcalde para este encontro institucional, segundo informou o propio Lores, é "que vai pasar co Hospital Provincial". O Concello é partidario de manter equipamentos no centro da cidade: "Nós pensamos que debería ser un hospital de crónicos".

Segundo Lores, o futuro uso deste edificio histórico "preocupa especialmente" no goberno local, do mesmo xeito que ocorre co centro de especialidades, popularmente coñecido como a Casa do Mar, en Mollabao.

RÍA E SEGURIDADE VIARIA

Ademais, exporá ao presidente da Xunta a urxencia do dragado da ría e a seguridade en tres viarios autonómicos: a estrada vella de Marín (PO-546), a de Campo Lameiro e a PO-223, entre Piñeiro e Bora.

Lores tamén buscará a implicación da Xunta nun convenio para sacar adiante a recuperación de Santa Clara, un convento de propiedade municipal que será cedido á Deputación para que forme parte do Museo de Pontevedra. Igualmente, o alcalde interesarase por coñecer os plans que ten a Xunta para o Pazo de Lourizán.

"TODA A ILUSIÓN DO MUNDO"

"Eu vou con toda a ilusión do mundo", admitiu o alcalde, que confirmou que este mesmo mércores enviarán o dossier solicitado pola Xunta con todos estes asuntos que se abordarán na reunión do próximo día 25, así como a relación de persoas que participarán nesta cita.

A Lores acompañaralle o concelleiro responsable das relacioness con outras administracións, César Mosquera, que tamén é vicepresidente da Deputación. Mentres tanto, Rueda asistirá xunto co delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luís López.

"Os antecedentes que temos de reunións cos presidentes da Xunta non son bos", sinalou o alcalde nacionalista, que asegurou non obstante que irá á reunión "con toda a disposición do mundo para chegar a acordos en beneficio de Pontevedra".

"Despregarei todos os meus encantos para que nos faga caso e que colabore activamente nunha cidade que é a súa", chanceou o rexedor. Lores tamén avanzou que convidará o presidente "a visitar oficialmente o Concello", igual que fixeron con todos os seus antecesores no cargo, "máxime se temos en conta que el é de Pontevedra e foi concelleira de Pontevedra no seu día".

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, durante unha entrevista con Europa Press, na Casa Consistorial, a 25 de maio de 2022, en Pontevedra, Galicia, (España).. Beatriz Ciscar - Europa Press
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, durante unha entrevista con Europa Press, na Casa Consistorial, a 25 de maio de 2022, en Pontevedra, Galicia, (España).. Beatriz Ciscar - Europa Press | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta