Morren nove vacas en Rois tras inxerir burundanga que estaba entre a herba segada

O Concello abre unha conta bancaria para axudar o gandeiro.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/10/2022 | Actualizada ás 12:06

Comparte esta noticia

Nove vacas de leite morreron despois comer a planta da burundanga, que se atopaba entre a herba que o propio gandeiro, Manuel Rodríguez, segou na súa leira e deu ao seu gando na parroquia de Urdilde, en Rois.

Os feitos ocorreron na aldea de Quintáns durante a tarde do pasado venres cando Rodríguez viu como nove das catorce vacas, a maioría novas en plena actividade produtiva, da súa explotación gandeira faleceron de súpeto. Ao observar os feitos, o gandeiro chamou rapidamente ao veterinario, "que fixo o que puido e salvou algunhas vacas", segundo adiantou 'La Voz de Galicia' na súa edición deste xoves.

En declaracións a Europa Press, o alcalde de Rois, Ramón Tojo, explicou que "os técnicos de Medio Rural fixeron análise e estase á espera dos resultados". O veterinario que acudiu en primeira instancia "xa confirmou que era burundanga, unha especie invasora", que provoca espasmos ou alucinacións, e pode provocar a morte.

Así mesmo, o concello abriu, co obxectivo de "botar unha man", unha conta bancaria para axudar ao gandeiro. O alcalde explicou "que é unha medida que xa se tomou noutros casos como cando ardeu unha casa" e que "hai que ter en conta que as vacas son o seu modo de vida".

Ademais, Tojo vai pedir que "todos os membros da corporación doen o importe das dietas do próximo pleno". O concello vai pór en marcha charlas e outras medidas para tratar de "visibilizar e concienciar sobre a planta invasora".

Vacas pastando
Vacas pastando | Fonte: Xunta.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta