A UPG homenaxea a Bautista Álvarez, que "entregou a súa vida á causa da liberación nacional"

A forza maioritaria do BNG lembra que "foi un home fundamental na construción da Galiza actual" e que o seu contributo "continúa alimentando e fertilizando a nosa loita pola independencia nacional, por unha Galiza soberana e socialista".

Por Galicia Confidencial | Compostela | 21/10/2022 | Actualizada ás 10:21

Comparte esta noticia

A Unión do Povo Galego (UPG), principal organización do BNG, é a que está afilidada a voceira nacional, Ana Pontón, acordou realizar un acto nacional de lembranza e tributo ao que foi figura fundamental para o nacionalismo galego e para este partido, o ex deputado Bautista Álvarez, finado hai cinco anos.

Bautista Álvarez
Bautista Álvarez

"Un home irrepetíbel e fundamental na construción da Galiza actual. Fundador da UPG, histórico dirixente nacionalista e figura central na historia política recente da nosa nación e sen o que sería imposíbel entender o movemento nacionalista e as análises e conceptualizacións que ese movemento construíu durante os últimos 50 anos", apunta a UPG nun comunicado.

"Queremos seguir expresando  o recoñecemento a un home excepcional, a unha persoa que entregou a súa vida á causa da liberación nacional e social do pobo galego e que o fixo con lucidez, con determinación e con coherencia até o final", engade.

O acto nacional terá lugar o sábado 22 de outubro a partir das 18h no Auditorio de Galicia en Santiago de Compostela. Pechará o acto a intervención do Secretario Xeral da UPG e deputado no Congreso, Néstor Rego. "O contributo de Bautista Álvarez á causa da liberdade do pobo e da patria non expirou co seu alento derradeiro, senón que continúa alimentando e fertilizando a nosa loita pola independencia nacional, por unha Galiza soberana e socialista", conclúe.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta