Chega Mar de Mares, o festival que defende unha pesca sostible

Este ano, o evento durará cinco días e exhibirá un total de 20 películas realcionadas coa pesca sostible e a protección do medio mariño.

Por Galicia Confidencial | Outes | 21/10/2022 | Actualizada ás 12:35

Comparte esta noticia

Volve o festival que procura o cinema que defende os valores da pesca sostible e a protección do medio mariño. Mares da fin do Mundo mantén o formato de anos anteriores e contará cunha Competición Oficial na que participarán catorce obras documentais producidas con posterioridade ao 1 de xaneiro do 2021, de menos de 60 minutos de duración e chegadas dende diferentes puntos do mundo. 

O alcalde de Outes, Manuel González, e o director do festival na presentación da V edición
O alcalde de Outes, Manuel González, e o director do festival na presentación da V edición | Fonte: remitida

Unha das principais novidades é que estas obras optarán a dous premios. Mantense o Premio do Público (trofeo “O Sancosmeiro” e unha dotación económica de 200 €), e súmase o premio a Mellor Película da Competición Oficial (trofeo “O Faro” e unha dotación económica de 500 €), outorgado por un xurado profesional.

Ao festival chegaron xa catorce filmes, de dez nacionalidades distintas e falados en 9 linguas, centrados na pesca sostible e a protección do medio ambiente mariño. Teñen un especial interese nos aspectos culturais, sociais e políticos que rodean ás comunidades pesqueiras tradicionais, así como o impacto da pandemia e o cambio climático nos océanos. Moitos destes títulos terán a súa estrea en Outes.

CONCELLO DE OUTES

A V Mostra Internacional de Cinema Documental Mares da Fin do Mundo, organizada polo Concello de Outes e patrocinada pola Deputación de Coruña e a Xunta de Galicia, é patrocinadora do Ano Internacional da Pesca e da Acuicultura Artesanais (AIPAA) 2022,  promovido pola FAO e liderado en España polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación de España.  Durará cinco xornadas (do 28 de outubro ao 1 de novembro) e exhibirá un total de 20 filmes nacionais e internacionais nas diferentes seccións. Para poder asistir ás distintas sesións, será necesario reservar a través do sitio web da mostra <www.maresdafindomundo.gal>, a partir do vindeiro luns.

Voluntarios participan na 2º Gran Limpeza de Fondos Mariños, no Festival Mar de Mares 2021 da Coruña
Voluntarios participan na 2º Gran Limpeza de Fondos Mariños, no Festival Mar de Mares 2021 da Coruña | Fonte: M. Dylan - Europa Press

 

PROXECCIÓNS ESPECIAIS

MDFDM2022 volverá contar con dúas seccións paralelas: Proa, na que se programarán filmes e cineastas na vangarda do cinema da realidade, que ollan cara ao futuro, e Popa, dedicada á proxección de arquivos e filmes históricos. O programa cinematográfico complétase con proxeccións especiais, como os filmes de inauguración e clausura, tanto internacionais como galegos.

Nesta quinta edición, en colaboración con The Flaherty e co obxectivo de conmemorar o centenario do considerado como o primeiro filme documental da historia, proxectarase en formato fílmico “Nanook of the North”, do estadounidense Robert J. Flaherty, na sección Popa.

O filme pretende representar a vida cotiá da familia do inuit Nanook (“Oso polar”), así coma a dureza das condicións de vida na rexión xeada do Canadá onde viven, mais non estivo libre de polémica pola súa representación das comunidades inuit. Os documentais que integrarán a sección Proa serán “From the Wild Sea”, da directora danesa Robin Petré (2021), e “Last of the Right Whales”, de Nadine Pequeneza (Canadá, 2021), que documentan a influencia e o impacto dos humanos no medio mariño.

O filme que inaugurará a V Mostra MDFDM será “Luzzu”, de Alex Camilleri (Malta/Estados Unidos, 2021), unha obra de ficción que documenta as dificultades dun pescador maltés para manter o seu medio de vida e tradición familiar.

MÁIS PROXECCIÓNS

O sábado proxectarase a estrea en festivais de “Desafíos del Océano: Científicas al Mando”, unha miniserie documental do Campus de Excelencia Internacional ‘Campus do Mar’ da Universidade de Vigo, en colaboración co Ministerio de Ciencia e Innovación /FECYT para dar a coñecer a investigación que levan a cabo varias científicas na actualidade e que constitúen retos de futuro para os océanos,  o planeta e a humanidade. 

Asemade, e coa intención de conmemorar o vinte aniversario da Marea Negra ocasionada pola catástrofe  do Prestige, o luns 31 de outubro proxectarase a reportaxe documental “Nunca Máis, Marea de dignidade”, rodada e producida por SAGA TV no ano 2003, e que narra o clima social e político en Galicia con motivo da Marea Negra provocada polo accidente e posterior naufraxio do petroleiro Prestige. O mesmo día pola noite terá lugar a proxección e performance “Urho”, un proxecto audiovisual a cargo do cineasta Iván Torres e o músico Alex Salgueiro. 

Como peche, na gala de clausura do martes 1 de novembro poderá verse un filme documental candidato a cinco Premios Goya na edición de 2022 e premiado en diversos certames internacionais de cinema. “Spitsbergen, o Gardián do Ártico”, do galego Ignacio Benedeti Corzo, documenta as consecuencias reais do quecemento global no Ártico a través dunha viaxe no quebraxeos Malmö. A obra será proxectada en 16 mm.

ACTIVIDADES PARALELAS

Como en edicións anteriores, a programación compleméntase con varias actividades paralelas desenvolvidas principalmente no Centro Náutico do Freixo. Estas comezarán o venres coa gravación e emisión dixital en directo do programa “Mar de Ardora” da Radio Galega. Nas xornadas posteriores, a mostra contará cunha Mesa Proxecta, cuxa temática será “Os festivais de cinema no rural”, na que participarán profesionais do sector audiovisual, así como unha mesa redonda sobre a Pesca Sostible titulada “A imaxe da pesca e dos pescadores na sociedade”.

Celebrarase tamén  unha degustación gastronómica (showcooking) a cargo da Asociación de Hostalaría Ría da Estrela. Nas mañás do sábado, luns e martes, os asistentes poderán descubrir o territorio a través das saídas pola ría no veleiro Joaquín Vieta, acompañado polas embarcacións tradicionais da Asociación Terra de Outes; dunha andaina sobre a importancia da Carpintaría de Ribeira no Concello de Outes ou dunha actividade de “Achegamento ao marisqueo a pé”, organizado pola Agrupación de Mariscadores a pé da Confraría San Bartolomé de Noia. Do mesmo xeito, nesta edición, haberá en MDFDM cunha exposición fotográfica. Nesta ocasión, terá como argumento a conmemoración do Ano Internacional da Pesca e da Acuicultura Artesanais (AIPAA) 2022 e un Obradoiro de Cinema con Móbiles.

Mares da Fin do Mundo é un proxecto local, asentado no rural pero con proxección internacional. Unha mostra comprometida co medio marítimo e co sector pesqueiro, que busca crear conciencia sobre a necesidade de coidar un dos nosos recursos naturais máis valiosos: o mar. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta