Formoso ve "resignación" nos orzamentos da Xunta: "O país váiselles das mans"

Prado (PPdeG) reivindica as contas galegas para 2023, que contrapón con "os contos" de Sánchez.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/10/2022 | Actualizada ás 14:10

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, ve os orzamentos da Xunta de Galicia para 2023, presentados esta semana, como "contas de resignación", que demostran que o Goberno autonómico carece de "rumbo e plan" e que ao presidente, Alfonso Rueda, "o país váiselle das mans".

En rolda de prensa, Formoso asegurou que as contas non foron elaboradas tendo en conta o contexto de desaceleración "clara" que predín tanto organismos europeos como estatais nin tampouco a achega "expansiva" do Estado, "o que si permitiría elaborar uns orzamentos de resposta". O líder dos socialistas lembrou que o Goberno central destina un 24% máis de fondos ao orzamento galego, "máis de mil millóns de euros que achega o Estado a maiores para as contas de Galicia" e que, considera, non se aproveitan.

Formoso analizou as carencias de áreas concretas como economía e innovación, onde ve un "abandono claro". "Non dan respostas á situación actual, con sectores estratéxicos parados pola inflación ou a subida do prezo dos combustibles", apuntou, citando tamén á pesca, "con barcos que agora mesmo saen a perdas e sen un só euro de axuda".

Tampouco existe "nin unha soa liña de axuda" para a agricultura e a gandaría, sectores que tamén ven incrementados os custos de produción, ou para a industria. "Hai empresas a piques de pechar, que xa cancelan quendas de produción. E non hai previsión da Xunta de promover proxectos estratéxicos que impulsen o sector", remarcou.

Citou a este respecto a importancia dos Perte e como estes poderían impactar positivamente na situación de Alcoa, Altri ou plantas de hidróxeno verde, das que subliñou o seu papel a futuro visto o acordo alcanzado este xoves por España, Francia e Portugal para a creación do BarMar, o gasoduto que conectará Barcelona e Marsella --e que substitúe o proxecto inicial do MidCat, rexeitado polos franceses--.

INNOVACIÓN E SERVIZOS PÚBLICOS

A análise socialista afea que tampouco haxa investimento para "recuperar o sector comercial e hostaleiro" e censura "a teima da Xunta de vivir dando as costas ao mundo científico", pola falta de investimento en innovación. "A investigación e a innovación deberían ser o soporte da nosa economía. Hai que recuperar a mocidade que investiga fóra desde hai tempo. É verdade que existe unha pequena achega para iso, pero se se compara con outros territorios históricos, vemos por exemplo que Galicia destina 230 euros a este tema, cando Navarra inviste máis de 500 euros coa metade de orzamento", citou Formoso.

"Renuncia" tamén a Administración galega, tal e como asevera Formoso, aos servizos públicos. "Co colapso absoluto da asistencia sanitaria, a atención primaria dedícanse, de cada 1.000 euros que recibe do Estado a maiores, só tres euros", afirma, tras o que lamenta "perder a oportunidade" de recuperar a profesionais sanitarios. Tampouco ve melloría en educación, onde recoñece un crecemento para Formación Profesional pero que achaca á achega, "pura e dura" do Estado. Segundo os seus datos, a dotación só crece, en xeral, un 0,6%.

Ante esta situación, Formoso asegurou que a Xunta atopará aos socialistas "enfronte", xa que presentarán no Parlamento, nos próximos días, unha batería de iniciativas para "emendar o documento". O obxectivo, incidiu, é conseguir unha partida que "permita afrontar a situación actual en diálogo co resto de formacións". "Merece a pena sentar a falar", concluíu.

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, nunha rolda de prensa na sede da formación en Santiago. PSDEG
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, nunha rolda de prensa na sede da formación en Santiago. PSDEG | Fonte: Europa Press

O PP DEFENDE AS CONTAS

Pola súa banda, a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, reivindicou os Orzamentos galegos para o próximo exercicio e contrapúxoos cos Orzamentos Xerais do Estado (PGE) de Pedro Sánchez, que "en realidade" --descualificou-- "son contos". En rolda de prensa, Rueda resaltou que Galicia volveu ser "unha das primeiras" comunidades en aprobar as súas contas autonómicas "marcando o camiño da mellor maneira de facer política" e de "estar á altura" das necesidades dos galegos.

"Pómonos á altura co orzamento máis alto da historia, 12.620 millóns de euros; e con máis gasto social que nunca, 9.368 millóns", esgrimiu, antes de proclamar que Galicia volve botar man "da estabilidade" como "a mellor ferramenta" que proporciona a maioría absoluta dos populares para aprobar as súas contas "en tempo e forma".

"Fronte ás pelexas internas do BNG, que profundan na soidade dunha Ana Pontón sen equipo, instalada nunha imaxe catastrofista de Galicia e cun afán independentista que ninguén lle compra; nós ofrecemos a estabilidade e o 'sentidiño' que queren todos os galegos e galegas", subliñou. A dirixente popular contrapuxo que "hai dúas semanas" o Goberno central presentou un PGE que "en realidade son contos", á vez que pediu aos ministros de Pedro Sánchez que "deixen de visitar Galicia" para "facer anuncios publicitarios".

"Pídolles que deixen a egolatría á marxe e empecen a entender Galicia. Aos galegos non se lles engana tan fácil como eles cren", avisou, para concluír que a Xunta "quere estar á beira da xente e pór recursos públicos ao servizo da xente e as súas dificultades". "Somos unha gran maioría os que cremos nesta Galicia da estabilidade e o 'sentidiño', fronte a contos e independentismos", resolveu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta