A Xunta di que "non pode quedar de brazos cruzados" ante a Lei de Costas: "Non queda outra que recorrer"

O recurso no Supremo presentarase a próxima semana.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 21/10/2022 | Actualizada ás 17:38

Comparte esta noticia

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, confirmou que o recurso á Lei de Costas presentarase a próxima semana. "Non queda outra que recorrer porque non podemos quedar cos brazos cruzados", manifestou.

Fábrica de Ence en Lourizán, na ría de Pontevedra
Fábrica de Ence en Lourizán, na ría de Pontevedra | Fonte: Europa Press

Así o afirmou Vázquez este venres nunha entrevista que realizou a TVG no programa 'Bos Días', onde comentou o recurso que a Xunta vai presentar ante o Tribunal Supremo contra a modificación do regulamento da Lei de Costas que aprobou o Goberno Central este verán, segundo confirmou o presidente do Executivo autonómico, Alfonso Rueda, este xoves.

A conselleira sinalou sobre os prazos de presentación "son inminentes" porque xa se esgotou o tempo para "manter un diálogo fluído co Ministerio de Transición Ecolóxica".

"O 1 de agosto recibiamos a nova de que se aprobaba un real decreto que modificaba a Lei de Costas, e desde o ano 2018 o Goberno vén con esta fixación. É unha fixación de carácter ideolóxico onde pretende ter en Galicia unha costa totalmente libre, iso quere dicir que en dominio público marítimo-terreste non se pode levar ningún tipo de actividade", afirmou a conselleira.

Desta forma, as concesións pasaron dun máximo de 75 anos ata que en agosto volveu modificarse e agora non poden exceder dos 30 anos. "Non podiamos imaxinar este cambio e que xa hai empresas, como as conserveiras, que xa teñen que irse", sostivo.

Nesta liña, manifestou que "non se están contestando" as prórrogas porque o secretario do Estado de Medio Ambiente, Hugo Morán, confirmou que "ata que non estivese" aprobado o real decreto non as ía a contestar.

"Isto quere dicir que xa hai 18 empresas que non van ter prórroga en Galicia e que isto supón moitos postos de traballo, pero tamén un abandono desa instalación", remarcou Vázquez.

Así mesmo, a conselleira destacou que se basean nun estudo estratéxico que di que na costa galega, igual que na española, "non pode haber ningún tipo de edificación en 2045".

Vázquez opinou que "se trata dun ataque directo a Galicia e que non se pode lexislar desde unha cadeira sen coñecer a singularidade galega".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta