O enigmático universo de Andrés Magán

Chega ás librarías 'Griza Zono', un relato persoal e labiríntico de Andrés Magán co que está a darse a coñecer Fosfatina, un novo selo editorial vigués centrado na publicación de cómics e fanzines.

Por Elipses e sombras - Eduardo Maroño | A Coruña | 17/10/2014

Comparte esta noticia

552139_396151673825712_999837618_n

Título: Griza Zono; Autor: Andrés Magán; Editorial:  Fosfatina; Ano: 2014

Andrés Magán non goza da popularidade doutros autores do cómic galego pero o seu nome soa cada vez con máis forza en determinados ambientes, coma os da autoedición ou as revistas dixitais de banda deseñada. Nun período de poucos anos, o debuxante vigués foi acumulando colaboracións con fanzines (Firecream, Kovra), publicacións online (TikTok) e artefactos varios (a caixa Verde de Autsaider Cómics), ata compoñer un extenso corpo de narracións breves que comeza xa ser merecente dunha compilación. A isto debemos engadir unha notable traxectoria como ilustrador, colaborando con revistas como Luzes ou deseñando cubertas de discos e carteis para concertos. O seu debuxo oscila entre un realismo turbio e o delirio feísta, entre as xeometrías inquietantes e as formas máis atoladamente dislocadas. Non é difícil relacionar o seu grafismo de trazo duro e contornos grosos co de autores coma Burns, Clowes ou Woodring, referentes da transformación do espírito underground das décadas precedentes nunha das correntes do cómic de autor máis fértiles da actualidade.

552139_396151673825712_999837618_n

552139_396151673825712_999837618_n

Mais a proximidade de Magán a estes artistas non se limita ao aspecto gráfico, senón que abrangue tamén o seu gusto por unha certa narrativa enigmática que todos eles practicaron nun intre ou outro. Próbao Griza Zono, a súa primeira monografía e o seu traballo máis extenso ata a data. Magán fuxe deliberadamente das convencións narrativas e estrutura o seu relato coma unha sucesión de capítulos con protagonistas e contextos cambiantes, unidos só por un feble fío argumental. Non hai texto e tampouco son os sucesos os que lle dan sentido á historia, senón a atmosfera creada por un grafismo hipnótico. Por riba do argumental, hai unha aposta polas sensacións e tamén polo sentido lúdico. A obra demanda do lector que se aveña a ese xogo, que acepte as normas que propón o autor e se deixe levar. Gozarán coa lectura os que prefiran os enigmas ás solucións, os que gusten de escrutar as viñetas na procura de detalles ocultos, de simetrías e paralelismos entre pasaxes.

552139_396151673825712_999837618_n

Grisa Zono está a ser estes días a carta de presentación de Fosfatina, un novo proxecto editorial establecido na cidade de Vigo que se centrará na publicación de cómics e fanzines. Un indicio máis de que algo está a moverse no mundo da banda deseñada. Nestes tempos de crise e de grandes grupos editoriais encastelados, seguen a xurdir iniciativas pequenas, con tanxencias co panorama da autoedición e que compensan a escaseza de medios cunha liña de publicación ben definida. Estes pequenos selos editoriais achegan ao lector visións oblicuas, que dificilmente se atoparán na produción máis convencional. Non é o animo de lucro o que convida a apostar por un traballo de viabilidade comercial tan complicada coma Griza Zono, senón a confianza dos editores no seu valor. O seu é un labor a prol da biodiversidade no ecosistema da BD que cómpre recoñecer.

552139_396151673825712_999837618_n

Todas as fotografías de andresmagan.tumblr.com.


Eduardo Maroño

Coruñés, do Barrio de Monte Alto, vai para dez anos que escribe sobre cómics en lugares diversos: no seu blog Un ollo de vidro, na páxina culturagalega.org, onde asina a columna Paisaxes de papel, no xornal Praza Pública, e tamén en Galicia Confidencial. Este será un espazo para falar de banda deseñada, as súas obras e os seus autores, de Galicia e do resto do universo.

Le máis artigos de Eduardo Maroño aquí.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA