O Museo da Limia concede o Premio Pedra Alta á Sección Antela da Sociedade Galega de Historia Natural

O recoñecemento entregarase o vindeiro sábado, 26 de novembro.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/10/2022 | Actualizada ás 17:00

Comparte esta noticia

O Padroado do Museo da Limia, en Vilar de Santos, decidiu conceder o Premio Pedra Alta 2022 na súa V edición á Sociedade Galega de Historia Natural, sección Antela. Este recoñecemento concédese cada ano a persoas ou entidades "cuxa obra ou labor é capaz de proxectar unha pegada merecente de consideración nas Terras do Limia, ou fóra delas, se a súa a nacenza acontece neste territorio", segundo recollen nun comunicado.

Padroado do Museo da Limia
Padroado do Museo da Limia | Fonte: Museo da Limia

"Esta Terra que coñece tan ben as agresións, as feridas e as cicatrices que deixan diferentes actuacións históricas e actuais sobre as persoas e o medio natural, debe recoñecer o valor do traballo, tanto de persoas como grupos que están aí, defendendo o territorio, poñéndoo en valor, dando alternativas, subliñando que a mellor defensa da vida das persoas é manter en bo estado o medio no que se vive", sinala o Padroado. Neste sentido, nun acordo unánime, consideran que a Sección Antela pertencente á Sociedade Galega de Historia Natural debe ser a merecedora de este recoñecemento.

A fin desta entidade é o estudo, defensa e conservación do medio natural e patrimonial antropolóxico da natureza galega e do noroeste Peninsular, como contribución á conservación deste patrimonio a nivel mundial. A Sección Antela creouse no 2011, en concreto, ante a problemática ambiental da Limia e co propósito de traballar dentro desta comarca específica, onde se atopaba, ata a súa desecación, a Lagoa de Antela. 

A entrega do galardón, unha réplica en granito da Pedra Alta (do escultor Xosé Lois Carreira) acompañada dun diploma acreditativo, deseñado por Manolo Seoane e Lola Peláez, terá lugar nun acto público solemne que se celebrará no Museo da Limia o vindeiro sábado día 26 de novembro. O acompañamento musical correrá a cargo do pianista Luis Humberto Cao e do tenor Baldomero Pavón. A xornada festiva concluirá cun xantar (un cocido limiao), custeado polas persoas asistentes. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta