Hacienda cancela a colaboración recadatoria con Novo Banco tras integrarse en Abanca

Por Europa Press / Redacción | MADRID | 24/10/2022 | Actualizada ás 12:38

Comparte esta noticia

A Axencia Estatal de Administración Tributaria cancelou a autorización de Novo Banco para actuar como entidade colaboradora na xestión recadatoria tras a súa integración en Abanca, segundo publica o Boletín Oficial do Estado (BOE).

A resolución do departamento dependente do Ministerio de Facenda e Función Pública foi ditada despois de que a sucursal en España de Novo Banco comunicase a integración tecnolóxica e operativa en Abanca Corporación Bancaria.

Con motivo da fusión, a Axencia Tributaria procedeu a cancelar a autorización número 0194 para actuar como colaboradora na xestión recadatoria, correspondente á entidade bancaria. En consecuencia, comunicou que Novo Banco deberá proceder á "inmediata cancelación das contas restrinxidas a que se refire o artigo 5 da Orde EHA/2027/2007, de 28 de xuño (BOE de 9 de xullo)".

Oficina co logo de Abanca na Coruña
Oficina co logo de Abanca na Coruña | Fonte: ABANCA - Arquivo

INTEGRACIÓN

Abanca finalizou a integración do negocio de Novo Banco en España tras completar este fin de semana a migración á plataforma tecnolóxica e operativa do grupo, segundo informou este luns. O proceso completouse "con éxito e sen incidencias", de maneira que a clientela de Novo Banco pode operar xa con total normalidade, tanto de maneira presencial na rede de oficinas de Abanca como a través das súas canles de banca a distancia.

A integración tecnolóxica desenvolveuse segundo o calendario previsto e sen incidencias, grazas ao traballo dun equipo de máis de 300 profesionais e 12 grupos de traballo de ambas as entidades, que executaron en total 1.460 tarefas e 3 ensaios para completar a migración de 661 millóns de rexistros e 260.929 contratos.

A migración tecnolóxica pon fin a un proceso iniciado en abril de 2021, cando se anunciou o acordo preliminar entre Abanca e Novo Banco para a compravenda do negocio de Novo Banco en España.

Coa operación, os clientes e clientasde Novo Banco benefícianse de maiores capacidades tecnolóxicas, atención persoal nunha rede de 624 oficinas en España e 678 en todo o mundo, acceso a 1.166 caixeiros automáticos propios e outro 14.500 froito dos acordos con Euro 6000 e outras entidades financeiras, maior diversificación do catálogo de produtos e presenza internacional en 11 países de Europa e América.

Abanca destacou que a operación robustece o seu posicionamento en España, "moi especialmente en Madrid", e en segmentos de negocio que son estratéxicos para a entidade, como o negocio de banca persoal e privada e o negocio de empresas, especialmente na operatoria fóra de balance e a actividade exterior.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta