Máis de 500 profesionais reúnense en Santiago no Congreso Estatal de Escolas Oficiais de Idiomas

Realizaranse 80 conferencias e talleres ao longo dos tres días, a cargo dun centenar de conferenciantes do Estado e internacionais.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/10/2022 | Actualizada ás 19:27

Comparte esta noticia

Despois dun parón obrigado de dous anos causado pola situación sanitaria, os Congresos Estatais de Escolas Oficiais de Idiomas retoman a súa actividade bianual coa celebración do seu duodécimo evento. Fano en Santiago de Compostela, cunha organización a cargo da Asociación de Profesorado de EOI de Galicia (APEOIGA), e cun lema que homenaxea a súa celebración no bienio Xacobeo.

Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura. CIDADE DA CULTURA
Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura. CIDADE DA CULTURA

"O Camiño das Linguas" converterase, xa que logo, nun punto de encontro para todo o profesorado de Escolas de Idiomas a nivel estatal (case 6.000). O congreso esgotou as inscricións hai xa varios meses.

Nel terán lugar cinco conferencias plenarias que realizarán importantes personalidades do sector: Víctor Fernández Freixanes (presidente da Real Academia Galega), Neus Figueras Casanovas (especialista europea en avaliación de linguas), Ignacio Palacios Martínez (catedrático da USC), Daniel Cassany Comas (profesor e investigador na Universidade Pompeu Fabra) e Andrés Ajo Lázaro (Servizo Español para a Internacionalización da Educación-SEPIE).

As máis de 500 persoas asistentes tamén contarán cun amplo catálogo de relatorios e talleres nos que poderán participar. Máis de cen conferenciantes do Estado e internacionais xuntaranse no Gaiás para tratar temas vitais para a actualidade do ámbito lingüístico, como son a internacionalización das EOI, o ensino semi-presencial e o “blended learning”, ou as novas metodoloxías no ensino de linguas.

As principais casas editoriais especializadas en material didáctico para o ensino/aprendizaxe de linguas estranxeiras estarán presentes nun espazo de exposición de acceso libre.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta