A Fegamp acusa á Xunta de "infrafinanciar" aos concellos e pide que se sente a negociar

Denucia que os fondos están conxelados desde hai unha década.

Por Galicia Confidencial | A Coruña | 26/10/2022 | Actualizada ás 14:56

Comparte esta noticia

O presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), o socialista Alberto Varela, diríxese ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, para que "pare" o proxecto de orzamentos autonómicos de 2023 e sente a "negociar" o financiamento dos concellos, singularmente as contías do fondo de cooperación local.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, xunto co presidente da Fegamp, Alberto Varela, e o vicepresidente segundo, Diego Calvo
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, xunto co presidente da Fegamp, Alberto Varela, e o vicepresidente segundo, Diego Calvo | Fonte: David Cabezón - Xunta

A través dun comunicado, Varela advirte que os recursos cos que contan as entidades locais non só son "insuficientes", senón que as achegas da Administración galega mantéñense "conxeladas desde hai unha década".

A Fegamp lamenta a reunión da semana pasada na que a Xunta lle presentou os orzamentos para 2023. Segundo este proxecto, o fondo de cooperación local mantén a partida base en 113 millóns de euros, tendo en conta que a adicional duplícase de 12,9 a case 30,5 millóns. En total, serán 143,5 millóns.

Neste contexto, o presidente da federación municipalista, que tamén é alcalde de Vilagarcía de Arousa, quéixase de que a Xunta pretende "enmascarar" o aumento do financiamento local a través do fondo adicional, que está "restrinxido" a concellos de menos de 15.000 habitantes "baixo condicións en prazos e forma ás veces imposibles de cumprir".

Así, Varela advirte que os municipios "non poden resistir máis a infrafinanciación" e que "as subidas de prezos e especiais dificultades do momento poden ser unha estocada fatal para moitos servizos".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta