As traballadoras da limpeza, altamente expostas a accidentes laborais

Expertos consideran “preocupante” a prevalencia de sinistros no traballo con baixa médica neste sector.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 27/10/2022 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Unha cuarta parte das mulleres que traballan no sector da limpeza sufriu un accidente laboral con baixa médica, de acordo cun estudo realizado con 455 empregadas, case todas elas en Galicia e Asturias.

Limpeza e desinfección en colexios
Limpeza e desinfección en colexios | Fonte: Europa Press.

Os autores do estudo consideran “preocupante” a prevalencia de accidentes de traballo con baixa entre estas empregadas: “Comprobouse que unha de cada catro mulleres do sector da limpeza sufrira polo menos un accidente na súa vida laboral. Desde o punto de vista da seguridade e da saúde no traballo, esta tendencia é un feito preocupante que non está documentado ata o momento”, destacan.

Das 455 mulleres que participaron no estudo, o 43,7% eran de Asturias, o 20,6%, de Galicia e o resto, doutras zonas do territorio estatal.

Segundo esta investigación sobre a sinistralidade entre as limpadoras, o sector da limpeza presenta eivas, xa que “as medidas e actuacións preventivas en materia de seguridade e saúde laboral adoitan ser homoxéneas, xenéricas e non adaptadas a nivel individual”, cando a realidade é que as traballadoras son persoas “heteroxéneas, con características diferentes”, para as que se  deberían “deseñar sistemas flexibles de prevención de riscos laborais, con intervencións individualizadas, nas que determinados perfís demandarán un esforzo maior ca outros”.

O estudo foi realizado por investigadores da Universidad Pública de Navarra en todo o Estado, pero con predominancia de traballadoras da limpeza de Asturias e Galicia na mostra utilizada. Concretamente, das 455 mulleres que participaron no estudo, o 43,7% eran de Asturias, o 20,6%, de Galicia e o resto, doutras zonas do territorio estatal.

Un dato relevante é que a idade media desas 455 mulleres era de 49,13 anos, mostrándose o da limpeza como un sector cunha alta idade media entre as empregadas. Ademais, case a totalidade (97,4%) teñen nacionalidade española e eran solteiras (62%).

O obxectivo principal do estudo foi identificar as variables sociodemográficas, laborais, psicosociais, de saúde percibida e de personalidade asociadas aos accidentes laborais sufridos no polas mulleres do sector da limpeza.

UNHA CUARTA PARTE SUFRIU ACCIDENTES LABORAIS

Os resultados indicaron que un 23,5% destas traballadoras sufrira un accidente laboral con resultado de baixa médica. E, en xeral, as mulleres que sufriran algún accidente na súa vida tiñan peor situación en todas as variables avaliadas. Particularmente, houbo dous grupos de traballadoras nas que se observou unha especial incidencia dos accidentes laborais, 15,9 veces maior entre as que presentaban unha peor percepción do seu esforzo físico e unha maior tendencia a condutas de risco, e 13,5 veces maior entre as que presentaban unha percepción moderada do esforzo físico e unha discapacidade.

“En xeral, comprobouse que as características das traballadoras están asociadas a diferentes taxas de sinistralidade”, salientan os investigadores, polo que, conclúen, “as accións preventivas deben deseñarse individualmente”.

A maioría das traballadoras que sufriron accidentes laborais eran mulleres maiores e, en maior proporción, casadas, con limitacións médicas, con algunha discapacidade e formadas en prevención de riscos laborais

Un dato que chama a atención do estudo é que a maioría das traballadoras que sufriron accidentes laborais eran mulleres maiores e, en maior proporción, casadas, con limitacións médicas, con algunha discapacidade e formadas en prevención de riscos laborais.

Aínda que na idade non existe unha diferenza sobresaínte, si se obervou que a media de idade das mulleres que non sufrirán accidentes era case tres anos menor, de 48,51 anos, fronte aos 51,17 das que si os padeceron.

Segundo os responsables da investigación, esta diferenza na idade “está en consonancia” con outros estudos nos que se analizou o envellecemento das mulleres traballadoras e a influencia da idade na sinistralidade laboral, ademais doutros estudos que relacionan o envellecemento co absentismo e a produción, citados por estes investigadores.

Entre as que sufriron sinistros, o 44,4% non tiña parella, mentres que o 51,1% estaban casadas ou mantiñan unha longa relación sentimental; só o 4,4% estaban separadas. Pola contra, no grupo de empregadas que non padeceron accidentes, son maioría as que non tiñan parella (67,8%), fronte ao 28,2% que representan as casadas ou nunha relación, e o 4% as separadas.

Para os investigadores da universidade Navarra, o feito de que unha maior proporción de traballadoras accidentadas sexan mulleres casadas ou nunha relación de longa duración “apoia os resultados de estudos anteriores que indican que a poboación casada adoita ter un menor risco de sufrir accidentes graves pero unha maior incidencia de accidentes leves”, o cal, din, “pode estar relacionado con outras variables como a impulsividade (capacidade para manter relacións estables) ou a idade (canto máis longa sexa a relación, máis maior acostuma ser a muller)”.

En canto ao impacto das limitacións médicas nos accidentes laborais, recordan que estas “son o resultado de problemas de saúde e, polo tanto, se non se realizan adaptacións, poderíanse incrementar as posibilidades de sufrir danos”, avisan. E sobre o impacto das discapacidades, subliñan que a maioría dos estudos se centraron na discapacidade causada por un accidente laboral, polo que piden tamén poñer o foco sobre a discapacidade como causa ou factor nos accidentes laborais. Na súa opinión, a discapacidade “debe incluírse como posible causa, especialmente en mostras como a avaliada, con accidentes leves de orixe musculoesquelética”.

CARGA DE TRABALLO

Os investigadores tamén avaliaron a saúde percibida polas propias mulleres, factores psicosociais e variables de personalidade entre as que tiveron ou non un accidente con baixa médica. En todas as dimensións da saúde percibida, as mulleres que sufriron accidentes laborais presentaron puntuacións máis baixas (peor percepción), en comparación coas mulleres que non sufriron accidentes con baixa médica.

“É unha actividade eminentemente física; polo tanto, un ritmo de traballo alto aumenta a posibilidade de sufrir un accidente laboral con consecuencias no aparato locomotor”

No caso dos riscos psicosociais, as mulleres que sufriron accidentes con resultado de baixa médica presentaron puntuacións máis baixas (maior risco psicosocial) en cinco dimensións e maior puntuación (menor risco) en acoso laboral. Tamén tiñan puntuacións máis altas en sensibilidade e ansiedade, cunhas “diferenzas que foron estatisticamente significativas”, salientan os autores do estudo, que proseguen: “Desde unha perspectiva cualitativa, as mulleres que sufriron accidentes con baixa médica presentan unha maior proporción de risco evidente en tres dos factores psicosociais avaliados: recoñecemento de tarefas, percepción do estado de saúde e carga de traballo”, sendo esta última na que se atoparon as maiores diferenzas (canta máis carga, maior probabilidade de sufrir un accidente).

“É unha actividade eminentemente física; polo tanto, un ritmo de traballo alto aumenta a posibilidade de sufrir un accidente laboral con consecuencias no aparato locomotor”, explican os investigadores, que engaden: “A maior carga de traballo, maior probabilidade de sufrir accidentes”.

Para eles, sería necesario que “a perspectiva subxectiva na análise da saúde e na avaliación dos riscos psicosociais sexa incluída nas políticas en materia de seguridade e saúde laboral”, xa que “permitirá facer recomendacións de carácter organizativo e psicosocial, como a necesidade de aumentar a supervisión ou reforzar a formación de determinadas traballadoras”. Con todo, din, “hai que ter precaución á hora de valorar o resultado, xa que, de novo, a saúde pode ser a causa ou a consecuencia do accidente; esta relación require máis investigación”.

Recoñecen, ademais, que “se debe ter precaución á hora de xeneralizar os resultados obtidos”, xa que “a mostra deste estudo non foi seleccionada aleatoriamente”. De feito, afirman que a sinistralidade neste sector “é superior á da poboación de referencia”.

DEREITOS RECOÑECIDOS

Nos últimos meses sucedéronse varios casos de traballadoras da limpeza ás que se lles recoñeceron dereitos nunca antes concedidos relacionados cos accidentes e lesións laborais. Por exemplo, o Tribunal Supremo recoñeceu que a incapacidade temporal dunha traballadora da limpeza provocada por unha lesión nun ombreiro derivaba de enfermidade profesional. Foi unha conquista de dereitos roubados, xa que o traballo de limpadora “non aparece na enumeración de actividades que poden xerar enfermidade profesional, establecidas no Real Decreto 1299/2006, do 10 de novembro”, explican desde o Consello Xeral do Poder Xudicia (CXPX).

Na sentenza, ademais doutros argumentos, aplicouse a perspectiva de xénero para a cualificación do carácter profesional da doenza. Como explica o CXPX, “en aplicación do establecido na Lei Orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes, a Sala considera que a profesión de limpadora, como é notorio, é unha profesión feminizada e non aparece contemplada no Real Decreto 1299/2006 como profesión susceptible de xerar unha determinada enfermidade profesional, a pesar das fortes esixencias físicas que conleva, especialmente movementos repetitivos”.

Varias sentenzas recoñeron por primeira vez baixas médicas derivadas do traballo das limpadoras, colectivo que non aparece no cadro de enfermidades profesionais do Real Decreto 1299/2006 

Esta postura do Tribunal Supremo concorda co proposto polos investigadores da Universidade Pública de Navarra, xa que defenden, precisamente, que cantos máis movementos repetitivos se fan, “maior éa probabilidade de lesión”.

En relación con isto, o Xulgado do Social número 2 de Córdoba ditou tamén este ano que unha sentenza a prol dunha limpadora á que se lle recoñeceu que a lesión que padece, epicondilite, coñecida popularmente como “cóbado do tenista”, é unha enfermidade profesional, xa que quedou probado que a lesión foi causada polo traballo, en contra do que defenderon o Instituto Nacional da Seguridade Social, Facenda e a mutua da empresa na que traballaba a muller accidentada. A sentenza recoñecía que algúns traballos que requiren movementos repetitivos e intensos necesarios para a realización do traballo poden causar lesións e, polo tanto, baixas laborais.

Outra sentenza pioneira deste ano foi a que recoñeceu como accidente de traballo a morte por covid-19 dun traballador da limpeza dun hospital. A Seguridade Social contabilizara a súa morte, en abril de 2020, como unha continxencia común á hora de outorgar unha pensión de orfandade ao fillo do falecido. A maxistrada titular do Xulgado do Social número 3 de Jerez de la Frontera (Cádiz) considerou probado que se tratou dun accidente laboral.

Pola súa banda, o Xulgado do Social Número 6 de Bilbao emitiu outra sentenza na que recoñeceu como accidente de traballo dunha limpadora un episodio de asma producido por un produto de limpeza.

Son algúns dos avances que se conseguiron para un colectivo historicamente discriminado.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta