"Good bye Asia, welcome Galicia", a tecnoloxía galega quere apostar pola produción propia

Unha empresa galega abandonará Asia para fabricar en Galicia ordenadores enfocados na intelixencia artificial.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 28/10/2022 | Actualizada ás 13:45

Comparte esta noticia

Primux é unha empresa galega dedicada ao desenvolvemento de tecnoloxía accesible, con máis de quince anos de traxectoria na fabricación de ordenadores, portátiles, tablets, smartphones, cámaras e accesorios informáticos diversos. Con sede no Parque Tecnolóxico de Galicia -Tecnópole-, acaba de lanzar ao mercado os seus novos ordenadores gaming Lynx e Draco. A compañía pretende abandonar Asia e que o 70% do proceso de fabricación se realice baixo a marca “made in Galicia”.

Traballando en Primux, empresa tecnolóxica galega que fabrica ordenadores
Traballando en Primux, empresa tecnolóxica galega que fabrica ordenadores | Fonte: remitida

Reforza así a súa aposta por dous ámbitos cunha importancia crecente na actualidade: a intelixencia artificial, a realidade virtual e o gaming de competición. “Os avances informáticos das últimas décadas e as novas tecnoloxías, como a intelixencia artificial e a realidade virtual, están a mellorar as nosas vidas en moitos aspectos, pero esixen tamén equipos potentes que sexan capaces de realizar operacións cada vez máis complexas” -sinala Daniel Rodríguez, CEO da empresa-. Así, Primux avanza no deseño de equipos que cumpran con todas as necesidades que requiren estas altas tecnoloxías.

“Os equipos de Primux utilizan compoñentes de gran calidade ideados para soportar altos fluxos de traballo e procesos complexos de forma fluída... A isto sumarase un almacenamento de última xeración para que o computador funcione á perfección e execute programas de alto rendemento sen presentar ningún problema”, explican os responsables da empresa nun comunicado.

Para lograr esta adaptación aos novos tempos, a intención da compañía é “abandonar Asia na medida do posible, buscando que o 70% do proceso de fabricación" se realice en territorio galego. A empresa quere “avanzar ao mesmo tempo que o fan as necesidades do mercado actual para estar preto dos usuarios e axudarlles no seu día a día”, sinalan. 

Os seus dispositivos máis recentes, Lynx e Draco, son ordenadores de sobremesa que están preparados para introducirse no mundo das novas tecnoloxías e axudar a que cada usuario goce ao máximo a súa experiencia no mundo gaming. Con todo, este non é o primeiro contacto que ten a empresa galega co eido dos videoxogos e os gamers, posto que levan anos deseñando tanto ordenadores como portátiles para este sector, ademais de fabricar portátiles, Mini PCs e dispositivos para a vida académica e profesional. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta