A oposición acusa a Xunta de favorecer os concellos gobernados polo PP nos orzamantos

BNG e PSdeG tachan de "continuistas" as contas e os conservadores defenden que o son porque "continúan facendo as cousas ben"

Por E.P. | Santiago de Compostela | 28/10/2022 | Actualizada ás 15:14

Comparte esta noticia

O vicepresidente segundo da Xunta e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, presentou este venres os orzamentos do seu departamento para 2023, que engloba 342 millóns para "mellorar" os servizos prestado por entidades locais, a Administración de Xustiza, o reforzo da atención ás emerxencias, o apoio ao tecido deportivo galego e a acción exterior.

O vicepresidente segundo da Xunta, Diego Calvo, na Comisión de Orzamentos do Parlamento de Galicia
O vicepresidente segundo da Xunta, Diego Calvo, na Comisión de Orzamentos do Parlamento de Galicia | Fonte: Europa Press.

Son, pois, uns orzamentos que soben un 12,9 por cento con respecto ao ano pasado, por enriba do 8,5 por cento, pero non exentos de polémica coa oposición, que aínda que ve con bos ollos o aumento dalgunhas partidas, critica a repartición dos fondos aos concellos, que tachan de "discrecional" e "clientelar".

A repartición destes fondos serviu a disputa entre a oposición e a Xunta, que defende os incrementos nos fondos adicionais. Concretamente, o fondo de cooperación local mantén a partida base en 113 millóns de euros no proxecto de orzamentos da Xunta para 2023, mentres duplica a adicional, que pasa de 12,9 a case 30,5 millóns de euros.

Deste xeito, entre o fondo base e o adicional, a contía total asignada ao fondo de cooperación local ascende a 143,5 millóns, un 14% máis que no ano anterior, "con 17,4 millóns de euros adicionais".

Calvo rexeitou as acusacións de distribución "clientelar" e devolveu a crítica pola repartición das axudas provocadas polos danos do lobo, xa que Galicia está excluída debido a que non subscribiu a estratexia de protección. "Por iso presentamos un recurso", manifestou sobre unha decisión que foi, precisamente, abordada este xoves en Consello da Xunta.

O vicepresidente segundo censurou que "se castigue os galegos", porque "os prexudicados son os gandeiros que ven como o PSOE non lles dá fondos" por non aceptar un plan do Goberno central. "E veñen falar de clientelar", criticou Diego Calvo, quen dixo que non será así, senón que todos os fondos "van ir con criterios obxectivos".

A modo de exemplo, dixo que na repartición de axudas para contratación de policías de dez, "dous" foron para concellos gobernados polo PP; mentres que para a adquisición de vehículos policiais, de 18, "cinco" foron para concellos 'populares'. "Carallo!, que reparto clientelar se fai con estas subvencións que fai a Xunta!", ironizou Diego Calvo, quen concluíu que "criticar cousas nas que non teñen ningún tipo de razón lle quita toda a razón non para este debate, senón para os seguintes".

O deputado do BNG Iago Tabarés reclamou "unha repartición obxectiva e non clientelar" dos fondos de cooperación local, e advertiu de hai convocatorias que non respectan "o reequilibrio territorial", porque hai concellos que "non teñen nin fibra óptica" para poder conectarse e acceder a convocatorias sobre as que insinuou parecer haber "información privilexiada" nalgunhas ocasións.

Nesta mesma liña, a deputada do PSdeG Paloma Castro acusou á Xunta de "asfixiar" os concellos mentres "incrementa o que reparten de maneira discrecional" as axudas, que se "esgotan en dez minutos" ou se "publica ás doce da noite", o que provoca que "mentres que uns levan todo, outros nada".

En conxunto, os grupos da oposición lamentaron uns orzamentos "continuistas". "Continuistas, si, porque continuamos facendo as cousas ben", respondeulles, pola súa banda, Paula Prado (PPdeG).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta