Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/10/2022 | Actualizada ás 19:56
A Dirección Xeral de Recursos Humanos do Sergas e as organizacións sindicais que integran a mesa sectorial (CIG, CC.OO, CSIF, SATSE e UGT) alcanzaron este venres, de maneira unánime, un acordo polo que un total de 16.000 profesionais temporais do Sergas incorporaranse ao Grao I da carreira profesional.
A partir do mes de xaneiro do ano 2023, tal e como explican nun comunicado e avanzou o propio conselleiro, Julio García Comesaña na súa comparecencia ante a Comisión 3ª do Parlamento, todos os profesionais temporais do Sergas, que no ano 2018 cumpriran os requisitos, comezarán a cobrar un complemento retributivo que representará unha subida media do 6% nos salarios anuais. O primeiro grao completo abonarase en xaneiro de 2023.
Esta subida salarial representará unha partida de 14,5 millóns de euros dos orzamentos autonómicos. En concreto, desde o próximo ano alcanzarán o Grao I da carreira profesional un total de 8.700 profesionais temporais. Entre os mesmos, inclúense un total de 1.300 médicos e preto de 3.000 profesionais de enfermaría.
Dentro destes 8.700 profesionais, inclúense 5.500 que tamén poderán obter o recoñecemento dun segundo grao, con efectos económicos a partir do ano 2024. Por tanto, alcanzarían dous graos en dous anos.
Ademais, desde o ano 2024 outras 8.000 persoas que desenvolven o seu labor no Sergas --que estaban en activo no ano 2018--, incorporaranse ao Grao I da carreira profesional.
Destacan que a mellora retributiva alcanzará ao conxunto de categorías profesionais do Servizo Galego de Saúde. Entre elas, o persoal médico beneficiarase dunha subida salarial anual de 3.216,48 euros, e o persoal de enfermaría dun incremento de 2.010,24 euros anuais.
Pola súa banda, os sindicatos fixeron xa unha primeira valoración. En declaracións a Europa Press, o secretario nacional de CIG-Saúde, Manolo Moreira, destacou que o Sergas aceptou "a maioría de propostas" que tiña a central sindical e que buscaban que se puidese "avanzar canto antes" na carreira profesional para o persoal eventual. Con todo, lembrou que falta por ratificarse o acordo internamente.
"Estamos satisfeitos porque moitos profesionais van empezar a cobrar a carreira en 2023, pero gustounos conseguir un pouco máis de proxección", expresou a secretaria xeral autonómica de SATSE, Manules Carbajo, en declaracións a Europa Press.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.