Obradoiro de Cigarrón para coñecer e manter a súa forma tradicional

O Concello de Verín promove desde o ano 1997, e agás no período 2020-2021, actividades formativas que teñen como obxectivo preservar e promover o cigarrón, a máscara con máis significado patrimonial do Entroido de Verín.

Por Galicia Confidencial | Verín | 29/10/2022 | Actualizada ás 23:00

Comparte esta noticia

No 1997 o Concello de Verín empezaba a organizar actividades formativas arredor da figura do Cigarrón co obxectivo de que esta máscara respectara sempre a súa identidade e formas tradicionais. O 'Obradoiro do Cigarrón' busca, dende aquela, transmitir o saber facer sempre dende o respecto a todos os seus elementos constitutivos, agás os compoñentes de produción industrial e o pintado da careta e da mitra.

Careta do Cigarrón. Foto: Prensa Concello de Verín.
Careta do Cigarrón. Foto: Prensa Concello de Verín.

O Obradoiro do Cigarrón 2022-2023 ofrécelle ás persoas maiores de idade que teñan as tardes libres a posibilidade de faceren a máscara completa ou partes da mesma (traxe ou careta), para o que terán que levar todos os materiais e instrumentos necesarios.

Para faceren o traxe é indispensable que aqueles e aquelas que se anoten teñan coñecementos básicos de confección con máquina de coser e que leven unha ao obradoiro. Ademais, precisan ter adquirido fundamentos previos sobre labor de punto con agulla de calcetar e sobre tecido con agulla de gancho. 

As prazas dispoñíbeis son 24, sendo 12 o número máximo de persoas por actividade. As solicitudes, que se tramitan na Casa do Concello, teranse en conta por orde de inscrición, ata completar o aforo e sempre antes do 31 de outubro. 

As persoas ás que se lle ofreza a inscrición para participaren en todas as actividades terán que pagar 95 €. O prezo da inscrición será de 75 € para as que só queiran aprender a facer o traxe ou a careta.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta