Outes abre a V Mostra Internacional de Cinema Documental sobre o mar, "Mares da Fin do Mundo"

A Inauguración oficial da Mostra tivo lugar este pasado sábado ás 17:30 h nun acto celebrado na Casa da Cultura de Outes, da man do director da Mostra, Marcos Gallego, do alcalde Manuel González e do deputado provincial de Cultura, Xurxo Couto.

Por Galicia Confidencial | Serra de Outes | 30/10/2022 | Actualizada ás 14:13

Comparte esta noticia

Outes celebrou este pasado sábado a primeira xornada da V Mostra Internacional de Cinema Documental Mares da Fin do Mundo, organizada polo Concello de Outes e patrocinada pola Deputación de Coruña e a Xunta de Galicia

Inauguración Mares da Fin do Mundo
Inauguración Mares da Fin do Mundo | Fonte: Sam Ponsford

A Mostra está comprometida co medio mariño e o sector pesqueiro, procurando xerar conciencia sobre a necesidade de coidar o mar coma un dos recursos naturais máis valiosos que temos, MDFDM2022. Conta co patrocinio do Ano Internacional da Pesca e da Acuicultura Artesanais (AIPAA) 2022, promovido pola FAO e liderado en España polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación de España. Asemade, a Mostra MDFDM é asinante do Pacto Cultura Sustentable, comprometido coa Axenda 2030 e cos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS).

Durante a primeira xornada, tivo lugar a gravación e retransmisión dixital dende o Náutico do Freixo dun especial do programa da Radio Galega “Mar de Ardora”, centrado no mundo do mar. Presentado e dirixido por Xusto López Carril, contou coa participación de Manolo González (alcalde de Outes), Marcos Gallego (director da Mostra MDFDM), Marisol Amado (Presidenta da Agrupación de Mariscadores a Pé da Confraría San Bartolomé de Noia), Xisela Franco (cineasta e curadora en festivais) e Ramón Collazo (presidente de Agalcari).

A Inauguración oficial da Mostra tivo lugar ás 17:30 h nun acto celebrado na Casa da Cultura de Outes, na Serra de Outes da man do director da Mostra, Marcos Gallego, do alcalde Manuel González e do deputado provincial de Cultura, Xurxo Couto. Tralo acto, proxectouse o filme inaugural desta V edición de Mares da Fin do Mundo. O filme elixido para abrir a Mostra foi Luzzu, de Alex Camilleri (Malta/Estados Unidos, 2021), unha obra de ficción que documenta as dificultades dun pescador maltés por manter o seu medio de vida e tradición familiar. Do mesmo xeito, inaugurouse unha exposición fotográfica que conmemora o Ano Internacional da Pesca e da Acuicultura Artesanais 2022. As obras expostas están cedidas polo fondo fotográfico da FAO.

Ás 20:00 h proxectouse a obra From the Wild Sea, da directora danesa Robin Petré (2021). Trátase do  primeiro filme da sección Proa, na que se programan filmes e cineastas que traballan na vangarda do cinema da realidade, que nesta edición porá o foco no impacto humano sobre a fauna mariña.

A Mostra Internacional de Cinema Documental Mares da Fin do Mundo está organizada polo Concello de Outes, coa colaboración na dirección e produción de ABA Films e o apoio, entre outros, da Deputación da Coruña e a Dirección Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia. Así mesmo, MDFDM forma parte de Proxecta (Coordinadora Galega de Festivais de Cinema, integrada na federación estatal Pantalla).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta