Actívase o Plan Invernal de Estradas con 100 quitaneves e 309 traballadores

Suma ademais tres quitaneves para garantir a seguridade na área afectada pola caída do viaduto do Castro na A-6.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/10/2022 | Actualizada ás 11:40

Comparte esta noticia

O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, presidiu a firma do Protocolo que activa en Galicia o Plan de Vialidade Invernal na Rede de Estradas do Estado, que este ano contará con máis de 100 quitaneves e 309 traballadores para garantir a vialidade das estradas e a súa conservación.

O operativo, que entra en funcionamento este martes e estará activado ata o 1 de abril de 2023, ten como obxectivo reducir en todo o posible o número de tramos con restricións ao tráfico e evitar as retencións de vehículos, en caso de condicións meteorolóxicas adversas.

A Delegación do Goberno sinalou nun comunicado que nos centros de conservación da Demarcación de Estradas do Estado en Galicia haberá almacenados, ao comezo da campaña, 21.014 toneladas de sal, e 3.257.000 litros de auga con sal. Ademais, ao equipo humano, poderanse sumar, en caso de necesidade, os 900 axentes da Agrupación de Tráfico da Garda Civil e o persoal da Dirección Xeral de Tráfico.

Miñones explicou que como novidade se establece un dispositivo, con tres quitaneves máis, para garantir a seguridade na área afectada pola caída do viaduto do Castro, na A-6, ao seu paso por Pedrafita. O delegado do Goberno indicou que se trata "dunha medida adicional ante unha situación extraordinaria" e que busca "minimizar o impacto da meteoroloxía adversa sobre esta zona".

Doutra banda, mantense a colaboración coa Axencia Estatal de Meteoroloxía para poder seguir os episodios de meteoroloxía adversa. Así mesmo, o dispositivo disporá de datos en tempo real da evolución das predicións para poder tomar decisións operativas "con máis rapidez e efectividade".

O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, na firm do Plan Invernal de Estradas. DELEGACIÓN DO GOBERNO
O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, na firm do Plan Invernal de Estradas. DELEGACIÓN DO GOBERNO | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta