O BNG felicita a Lula da Silva pola súa vitoria en Brasil: "A democracia venceu contra o fascismo"

Trátase, din, dunha vitoria "da xustiza" co "apoio popular" nunha campaña "moi dura e polarizada".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/10/2022 | Actualizada ás 11:29

Comparte esta noticia

O BNG felicitou ao presidente electo de Brasil, Lula da Silva, pola súa vitoria na segunda volta nas eleccións presidenciais que se celebraron este domingo no país latinoamericano. "A democracia venceu contra o fascismo", destacou a formación nacionalista.

"A vitoria de Lula en Brasil é a vitoria pola loita contra a pobreza, a loita contra o racismo e a discriminación, a devolución da democracia e a reconstitución dos servizos públicos do Estado, que foron desmantelados nestes catro últimos anos polo goberno de Bolsonaro", reivindicou a Executiva do Bloque.

Nun comunicado, o BNG tamén mostra a súa "preocupación" porque, pese ao triunfo electoral, "o propio Lula mostrou a preocupación polo avance do neofascismo bolsonarista". Así, lamentou que "ter o Goberno non implica ter o poder" e, agora, engadiu, "Lula ten que reconstruír a sociedade e as institucións", algo que consideran "non vai ser unha tarefa sinxela".

Ademais, o BNG subliñou que estivo sempre "no proceso de defensa da inocencia do Presidente Lula" e "denunciando a persecución inxusta que sufriu tanto o propio Lula como a presidenta Dilma".

Por iso, o Bloque considerou que se trata dunha vitoria "da xustiza" co "apoio popular" nunha campaña "moi dura e polarizada", na que "a tensión e a desacreditación das institucións electorais brasileiras por parte do Goberno de Bolsonaro e, en xeral, polas institucións democráticas, foi unha constante".

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, asistiu a esta segunda volta nunha delegación de eurodeputados de tres grupos parlamentarios que participaron nunha misión de "acompañamento electoral e en apoio á democracia".

Ana Miranda con Lula da Silva
Ana Miranda con Lula da Silva | Fonte: BNG

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta