Rueda lamenta que Galicia non participe no cume hispano-luso: "Gustaríanos ter presenza"

O estatuto dos traballadores transfronteirizos e a alta velocidade Galicia-Portugal son as principais reivindicacións galegas.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/10/2022 | Actualizada ás 13:46

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, lamentou este luns que o Goberno galego non fose convidado a participar no Cume Hispano-Luso que acollerá este venres a localidade portuguesa de Viana do Castelo, aínda que confiou en que as reivindicacións galegas se fagan "chegar".

A preguntas dos medios de comunicación, o presidente galego confirmou que non lle consta que estea programada a participación de representantes do Goberno da Xunta, que si tomaron parte nas reunións preparatorias do encontro.

"A día de hoxe, e estamos na mesma semana, non nos consta ningunha invitación para a presenza, por tanto, supoño que a estas alturas, xa non se producirá", dixo Alfonso Rueda, que admitiu que "nos gustaría ter algún tipo de presenza", non soamente no caso da Xunta, se non as comunidades limítrofes con Portugal.

Entre os temas que Galicia reclama dese cume, Alfonso Rueda mencionou a necesidade dun estatuto de traballadores transfronteirizos. "Vimos durante a pandemia a necesidade de que a xente que cruza dun lado a outro da fronteira diariamente teña un regulamento xurídico específico", engadiu.

Así mesmo, instou a que haxa avances en materia da conexión de alta velocidade entre Portugal e España a través de Galicia. "Que haxa concrecións, e concrecións son orzamentos e prazos máis aló de valoracións", destacou. O presidente galego aplaudiu as "datas concretas" e dotación anunciada polo Goberno portugués para o AVE Vigo-O Porto, confiando en que o Goberno de España "faga o mesmo" e "estea á altura" nesta materia.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, na rolda de prensa tras a reunión semanal do Consello da Xunta. San Caetano, Santiago de Compostela, 27/10/22.. XUNTA
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, na rolda de prensa tras a reunión semanal do Consello da Xunta. San Caetano, Santiago de Compostela, 27/10/22.. XUNTA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta