Tomban a sentenza que condenaba a CSIF por vulnerar a honra de CC.OO. e UGT nunha publicación web

O xuíz de primeira instancia considerou que o texto da publicación "non cumpre co requisito da veracidade" que debe ter a "información", porque "non consta fose contrastada coa mínima dilixencia esixible" e ía "moito máis alá dunha simple crítica exacerbada".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/11/2022 | Actualizada ás 18:32

Comparte esta noticia

A Audiencia Provincial da Coruña estimou un recurso do sindicato CSIF contra unha sentenza do Xulgado de Primeira Instancia número 2 de Santiago que lle condenou por vulnerar o dereito á honra de CC.OO. e UGT cunha publicación na súa páxina web 'Herald Toupeiras'.

Neste 'post', CSIF acusaba ás outras organizacións de "coñecer e ocultar" a intención do PP de "impor a mobilidade forzosa" dos funcionarios da Xunta na mesa de diálogo social, o que supuña unha "venda dos dereitos dos traballadores". Mesmo afirmaba esta organización que "traballar na Xunta e estar afiliado a CC.OO. ou UGT é un delito máis grande que pegarlle a un pai".

O xuíz de primeira instancia considerou que o texto da publicación "non cumpre co requisito da veracidade" que debe ter a "información", porque "non consta fose contrastada coa mínima dilixencia esixible" e ía "moito máis alá dunha simple crítica exacerbada".

Con todo, unha vez CSIF presentou recurso, a Audiencia Provincial ratificou que as palabras empregadas en 'Herald Toupeiras', "aínda que poidan ser inexactas e leven unha crítica ferinte", están "amparadas polo exercicio das liberdades de expresión e sindical".

Ademais, os maxistrados sinalan que tamén en senllos comunicados emitidos por CC.OO. e UGT, que acompañaban á contestación da demanda, chamaban a CSIF organización "extremista" e "de cartón-pedra", e mesmo a acusaban de pensar en intereses "distintos á defensa dos traballadores".

"Neste contexto de enfrontamento sindical, o criticar a unhas organizacións sindicais dicindo que venden aos traballadores a cambio das cantidades que perciben pola súa participación na mesa de diálogo social, non supón unha crítica moito máis ferinte que dicir que o sindicato demandado traizoa aos traballadores", resalta a Audiencia.

Así mesmo, tendo en conta sempre que a liberdade de expresión e a liberdade sindical non ampara o insulto, os maxistrados consideran que a crítica publicada CSIF "non só é permisible, senón conveniente nunha sociedade democrática caracterizada polas notas de pluralismo, tolerancia e espírito de apertura".

Tras coñecer este fallo, CSIF emitiu un comunicado no que "valora de maneira moi positiva" unha decisión xudicial que "vén pór coto aos reiterados intentos por silenciar o espírito crítico do 'Herald Toupeiras'", á vez que recoñece a "lexitimidade" do sindicato para denunicar as políticas da Administración pública "cando prexudican aos traballadores" e "a conivencia" doutros axentes sociais.

"A liberdade de expresión e a liberdade sindical, cando se exerce en defensa dos traballadores, prevalecen sobre un mal entendido dereito á honra, por moi incisiva que sexa esta crítica", insiste a organización, que se ratifica no seu compromiso de continuar exercendo o labor sindical "desde a absoluta liberdade e independencia, mantendo como único obxectivo a defensa dos dereitos dos empregados públicos por encima de calquera outro".

Xulgados De Santiago. EUROPA PRESS - Arquivo
Xulgados De Santiago. EUROPA PRESS - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta