A sanidade pública será "un dos cabalos de batalla" do BNG para as contas galegas

Ana Pontón, avanzou que a súa formación reclamará un plan de choque para reforzar a Atención Primaria

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/11/2022 | Actualizada ás 18:25

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, avanzou que a súa formación reclamará un plan de choque para reforzar a Atención Primaria, no marco dos Orzamentos da Xunta para 2023, dotado con 200 millóns de euros para contratar máis persoal, e cunha partida específica de 21 millóns a maiores para saúde mental.

A sanidade pública será "un dos cabalos de batalla" do BNG para as contas galegas, como a propia líder nacionalista afirmou este xoves nun acto en Vilagarcía de Arousa, onde se reuniu con profesionais sanitarios e afectados pola situación da primaria na área de Pontevedra-O Salnés. Este distrito sanitario, sinalou Pontón, é o "km 0 do desastre sanitario do Goberno do PP, incapaz de pór sobre a mesa soluciones".

A nacionalista felicitou aos veciños da comarca pola súa mobilización en defensa da sanidade pública e advertiu de que "non é de recibo que volva haber PACs que non teñen nin un médico".

Ante esta situación, apelou á Xunta a tomar medidas estruturais xa que, considera, "o problema que ten a sanidade pública non é que falten profesionais, é que sobra precariedade". "Cunha Atención Primaria colapsada é unha auténtica tomadura de pelo que o PP presente uns orzamentos para 2023 que recollen cero euros para máis persoal", incidiu.

"Ante un PP que quere converter o dereito á saúde nun negocio para a minoría, deteriorando e socavando unha das grandes conquistas sociais como é a sanidade pública", a portavoz nacionalista insistiu na necesidade de "acometer medidas para reforzar o sistema sanitario galego", especialmente a Atención Primaria.

RELATO "FRAUDULENTO"

Doutra banda, a portavoz parlamentaria de Sanidade, Montserrat Prado, censurou que a Xunta estea a crear "un relato fraudulento cando afirma que incorpora profesionais". "O que están a facer é cambiar a súa situación administrativa, cambiando aos profesionais dunha praza eventual a outra fixa, o que nos parece moi ben porque levamos anos reclamando que se estabilice ao persoal, pero iso non é incorporar profesionais", censurou.

Para Prado é "absolutamente inaceptable" o que ocorre na área sanitaria de Pontevedra, "cunha situación na que non hai nin un centro de saúde que teña unha situación normal, onde haxa os profesionais necesarios" e onde os PACs "están un día si e outro tamén sen ningún médico".

A portavoz parlamentaria tamén criticou a "preocupante" situación dos servizos de pediatría na comarca e a "saturación" das urxencias hospitalarias. Ademais, e como resultado da deterioración da primaria, "está a chegarse tarde a enfermidades que atendidas en tempo poden ter fácil solución, pero que cando non é así, acaban cronificándose", concluía.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, nun acto en Vilagarcía de Arousa. BNG
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, nun acto en Vilagarcía de Arousa. BNG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta