O ex conselleiro de Fraga, Xesús Palmou, novo integrante do plenario do Consello da Cultura Galega

O CCG realizará ao longo do vindeiro ano o foro Pensar o mundo desde Galicia.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 04/11/2022 | Actualizada ás 13:05

Comparte esta noticia

A celebración do corenta aniversario, a internacionalización da cultura galega e a acción exterior centrarán as actividades do Consello da Cultura Galega (CCG) nun ano en que a institución fai os seus 40 anos. Entre as actividades previstas para o vindeiro ano destaca o foro Pensar o mundo desde Galicia, no que destacadas personalidades reflexionarán sobre sete temas, entre eles a intelixencia artificial, as sociedades multiculturais ou unha revisión dos modelos para unha economía de cultura. Así se decidiu no plenario desta institución no que, ademais, incorporouse ao mesmo, Xesús Palmou, en representación da Real Academia Galega de Xurisprudencia e Lexislación.

Xesús Palmou no plenario do Consello da Cultura Galega
Xesús Palmou no plenario do Consello da Cultura Galega | Fonte: CCG

O foro sobre o futuro do país, que se celebrará entre marzo e novembro, contará con especialistas recoñecidos en cada un deses ámbitos. Comezará cun foro sobre a Información no mundo da posverdade: grandes relatos, pequenos ao que lle seguirán outros sobre Humanismo e novas tecnoloxías / intelixencia artificial, Calidade da democracia: perspectivas e riscos; Sociedades multiculturais e o papel do galego ou sostibilidade ecolóxica entre outras propostas. Ademais, está previsto que a efeméride conte con varios actos institucionais.

A presidenta, Rosario Álvarez, fixo un balance de 2022, en que se programaron 81 actividades. O 32 % delas tiveron lugar fóra da sede institucional, o que supón un 11 % máis que en 2020, en cumprimento desa liña de descentralización que prometeu ao inicio do seu primeiro mandato.

No apartado expositivo, o CCG estreou este ano catro propostas novas. A máis destacada foi a realizada en colaboración co Museo Larreta de Bos Aires, que revisou a traxectoria de Luís Seoane a través da exposición Materiais Seoane / Entre Galicia e América. Outra dela é Sen Cancelas, que fai un percorrido histórico e conceptual pola historia da diversidade sexual en Galicia. Ademais, tamén se estreou a exposición A parroquia para sempre, que pon en valor un arquivo fotográfico particular que foi doado á institución polo seu autor e que encaixa coa liña de traballo recente da institución de visibilizar fondos fotográficos. As mulleres galegas na emigración é a cuarta proposta expositiva realizada a partir de fondos procedentes do Arquivo da Emigración Galega

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta