Soben os ingresos por Covid, aínda que os casos activos baixan dos 2.000

O Sergas non notifica novas mortes relacionadas coa pandemia.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/11/2022 | Actualizada ás 11:40

Comparte esta noticia

Os casos activos de covid-19 en Galicia volveron a baixar dos 2.000, ata os 1.782 en total, ao longo dun fin de semana no que se detectaron 178 positivos. Con todo, a cifra de hospitalizados diagnosticados de coronavirus ascende a 173, oito máis.

Segundo os datos ofrecidos este luns polo Servizo Galego de Saúde (Sergas), actualizados ata as 18,00 do domingo, os casos activos --é dicir, os pacientes que están a atravesar a enfermidade-- caeron en 263 desde o venres, última cifra dispoñible.

O descenso replícase nas sete áreas sanitarias, debido a que en todas elas as altas superaron os novos diagnósticos. A que máis casos activos ten é a da Coruña-Cee, con 364 (-43), seguida da de Ourense-Verín-O Barco de Valdeorras, con 349 (-45).

Tras estas, están Santiago-Barbanza con 258 (-45), Vigo con 236 (-39), Pontevedfra-O Salnés con 190 (-35), Lugo-A Mariña-Monforte con 215 (-12) e Ferrol con 169 (-44). A estes hai que sumar un paciente sen área sanitaria asignada.

Mentres tanto, ao longo do fin de semana o Sergas detectou 178 positivos novos en covid-19. Deles, 78 contabilizáronse nas últimas 24 horas. Os contaxios computados oficialmente desde o venres acumúlanse principalmente nas áreas da Coruña (38), Vigo (36) e Lugo (31). Ademais, detectáronse 28 na de Ourense, 19 na de Pontevedra, 17 na de Santiago e nove na de Ferrol.

HOSPITALIZADOS

No que respecta á presión hospitalaria, o Sergas informa dun total de 173 persoas ingresadas con covid-19, oito máis que o venres. De todas elas, hai 163 --seis máis-- en planta e 10 --dúas máis-- en unidades de coidados intensivos.

Case todas as áreas notifican un ascenso nos últimos días. É o caso dos hospitais da da Coruña, cun total de 50 ingresados (+6); da de Vigo, con 28 (+1); da de Santiago, con 17 (+3); da de Ferrol, con outros 17 (+4); e da de Lugo, con 15 (+2). No lado oposto sitúanse as áreas de Ourense, con 25 hospitalizados con covid (-6); e Pontevedra, con 21 (-2).

Todo iso nun fin de semana no que o Sergas non notifica novas mortes relacionadas coa pandemia, polo que o cómputo oficial de vítimas en toda Galicia mantense en 3.943. Así mesmo, desde o venres recibiron o alta 441 pacientes.

Un paciente con Covid-19 é trasladado ao Hospital de Lugo
Un paciente con Covid-19 é trasladado ao Hospital de Lugo | Fonte: Carlos Castro - Europa Press - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta