Turismo verde e gastronomía, entre as prioridades turísticas de Pontevedra

O concelleiro Iván Puentes deu conta das principais medidas do Plan de Sostibilidade Turística en Destino.

Por Galicia Confidencial | Pontevedra | 07/11/2022 | Actualizada ás 21:25

Comparte esta noticia

A creación dunha gran Vía Verde que una o Salnés con Pontevedra e converter esta cidade nunha das grandes capitais gastronómicas de Galicia e do Estado é un dos obxectivos do Plan de Sostenibilidade Turística en Destino. Un plan do que deu conta este luns o concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes. 

Logo da campaña de turismo de Pontevedra
Logo da campaña de turismo de Pontevedra

 

Este proxecto logrou ser elixido entre os 9 proxectos consensuados e aprobados polo Goberno central e a Xunta cunha inxección global de 14,6 millóns de euros provintes dos fondos europeos Next Generation en Galicia. No caso de Pontevedra, as axudas comunitarias traduciranse nunha subvención de 2 millóns de euros cunha serie de accións concretas.

 

Entre as principais liñas de actuación deste plan están a continuación da Vía Verde do Salnés: unión da senda Vilagarcía-Portas coa futura vía verde entre Pontevedra, Ponte Sampaio e Arcade a través da antiga ponte ferroviaria sobre o Lérez, a Ruta Xacobea e outros camiños preexistentes empregados por ciclistas. Tamén a conexión da cidade cos parques forestais do contorno (A Tomba, A Fracha e O Pontillón do Castro) a través do contorno dos ríos, mediante sendas fluviais.

Eva Ballarín, experta do Basque Culinary Center e unha das mulleres máis influíntes da gastronomía española, xunto coa concelleira socialista de Promoción Económica de Pontevedra, Yoya Blanco
Eva Ballarín, experta do Basque Culinary Center e unha das mulleres máis influíntes da gastronomía española, xunto coa concelleira socialista de Promoción Económica de Pontevedra, Yoya Blanco | Fonte: Concello de Pontevedra

 

Outros dos proxectos será o programa de iluminación eficiente de espazos naturais, a creación dun Observatorio de Turismo para realizar un seguimento da actividade turística en Pontevedra e converter a esta cidade nunha "Capital Gastro" coa realización de actividades culturais vencelladas á gastronomía (showcookings, concursos de tapas, colaboración con restauradores, foros, xornadas e festivais gastronómicos específicos). Baixo o paraugas desta marca tamén se inclúe a recuperación do recetario tradicional de Pontevedra, o aproveitamento do Gastroespazo do Mercado de Abastos e a realización dun plan de enogastronomía. 

 

"O primeiro requisito formal era a aprobación por parte da Xunta de Galicia no seu Consello de Goberno, o que aconteceu hai aproximadamente un mes, hoxe tocaba a aprobación pola Xunta de Goberno Local do Concello de Pontevedra e de cara a final de ano agardamos poder asinar xa o convenio e empezar en 2023 coas accións planificadas”, sinalou o concelleiro socialista.

 

A final de ano celebrarase unha Comisión de Seguimento do Plan entre a Xunta, o Ministerio e cada un dos concellos afectados na que se planificarán  tódalas accións, que están previstas para os anos 2023 e 2024. Así, no 2023 estarían iniciadas practicamente todas, unhas xa rematadas neste ano, como é o caso do Observatorio Turístico, e outras que se prolongarían ata 2024, como é a continuación da Vía Verde. "Neste caso, o que temos que decidir é que treito imos executar en función do orzamento: se é a conexión entre a Estación de Ferrocarril e a ponte sobre o Lérez ou a conexión da ponte co límite do concello de Barro”, engadiu o edil.

 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta