Falece Begoña Caamaño, xornalista da Radio Galega e novelista recoñecida co "Premio Nacional da Crítica"

A xornalista da Radio Galega Begoña Caamaño faleceu hoxe en Santiago, vítima dunha longa enfermidade. Nacida en Vigo en 1964, xunto ao seu labor profesional tamén destacou como novelista e como loitadora polos dereitos da muller, dos traballadores e dos máis desfavorecidos.

Por Galicia Confidencial | Santiago | 27/10/2014 | Actualizada ás 17:47

Comparte esta noticia

Foi na radio onde desenvolveu a meirande parte da súa carreira, sobre todo, en informativos e cultura, pero tamén se valeu da prensa para falar e amosar o seu pensamento sobre os problemas político-sociais, sempre desde unha visión feminista e nacionalista.

Begoña Caamaño
Begoña Caamaño

Comezou a súa andaina en Radio Popular de Vigo e en Radio Noroeste. Na súa cidade tamén foi correspondente da Axencia Galega de Noticias e do diario madrileño "El Sol", xa desaparecido. Colaborou en "A Nosa Terra", "Novas da Galiza" e "Tempos" así como nas revistas feministas "Festa da Palabra Silenciada" e "DeLiberadaMente". Tamén estivo no consello de redacción da revista antimilitarista "Ar!".

A súa chegada á Radio Galega produciuse en 1989, cando se integrou na delegación de Vigo, para pasar tres anos despois á central da emisora en Compostela. Alternou etapas nos servizos informativos con outras en programas como "Diario Cultural", "Andando a Terra", "Club Cultura" e "Expreso de Medianoite".

Comprometida tamén coa loita sindical,  Begoña Caamaño formou parte do comité de empresa da Radio Galega representando a CIG e mesmo ocupou o cargo de presidenta do Comité Interempresas da CRTVG. Pero o seu carácter reivindicativo abarcaba todos os ámbitos da vida, colaborando con proxectos sociais, políticos e culturais.

En marzo de 2012, a enfermidade obrigouna a deixar a súa actividade laboral, pero non renunciou ao mundo das palabras. Así Begoña enfrontou o cancro coa mesma serenidade e forza coa que vivira día a día e comezou a escribir a súa segunda novela: "Morgana en Esmelle".

Lectora apaixonada dos clásicos e dos narradores e narradoras contemporáneas, tamén nesta obra revisa os mitos gregos como xa fixera en "Circe ou o poder do azul" de 2009. As dúas novelas publicadas por Galaxia. "Morgana" valeulle o premio Nacional da Crítica 2012, que concede a Asociación Española de Críticos Literarios,  e tamén o Ánxel Casal e o Losada Diéguez en 2013.

Valoraba os galardóns porque -dicía- "incitan á lectura dos libros, que é o máis importante". "Non sabería nin querería escribir doutro xeito que dende o galego e dende o feminino: eu son muller galega", afirmaba.

A noticia do pasamento de Begoña Caamaño causou fonda conmoción entre os seus compañeiros e compañeiras da CRTVG. Os seus restos serán trasladados ao tanatorio compostelán de Boisaca, onde este martes, ás 15.00 h., se celebrará un acto de despedida. Desde GC sumámonos ao pesar polo seu pasamento e lembramos o importante papel que realizou na CRTVG.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Oliveiriña

Begoña era unha gran profesional da comunicación, gran escritora, loitadora e defensora dos dereitos cívicos, pero non era xornalista. Ela sempre dicía a verdade.