Angrois-Un excargo de Adif defende o cambio de proxecto na liña Ourense-Santiago que foi unha decisión de Fomento

Alfonso Ochoa, ex director xeral de Operacións e Enxeñaría, sinalou que "foi unha decisión de cambio de ancho na liña, que estaba concibida en ancho estándar e por razóns de funcionalidade e de integrar mellor esa liña na rede galega decidiuse cambiar ao ancho ibérico, o normal en España".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/11/2022 | Actualizada ás 10:58

Comparte esta noticia

Alfonso Ochoa, ex director xeral de Operacións e Enxeñaría e exresponsable da Dirección Xeral de Explotación e Desenvolvemento de Infraestrutura de Adif, defendeu o cambio de proxecto que se realizou para a liña Ourense-Santiago na que se produciu o accidente do tren Alvia, que supuxo a retirada do sistema de seguridade 'ERTMS' dos últimos quilómetros do trazado.

En calquera caso, subliñou que a modificación foi adoptada polo Ministerio de Fomento. Adif, dixo, non pode tomar esa decisión, senón que "só pode tomala o ministerio", que é quen determina "ese tipo de decisións estratéxicas".

Ochoa declara este xoves no xuízo polo sinistro ferroviario proposto polo avogado do Estado, que representa a Adif. Segundo sinalou, "principalmente a causa" do cambio "foi unha decisión de cambio de ancho na liña, que estaba concibida en ancho estándar e por razóns de funcionalidade e de integrar mellor esa liña na rede galega decidiuse cambiar ao ancho ibérico, o normal en España". "Desa forma, a funcionalidade era moito maior", expuxo.

Á pregunta de se viu nese cambio unha decisión correcta, respondeu afirmativamente, xa que, ao seu xuízo, "non tiña sentido" que esa liña se dotase de dou cambiadores de ancho coas "as limitacións que iso impón" para o mantemento e a circulación.

Fíxose por funcionalidade, segundo reiterou, posto que, en canto aos tempos, advertiu de que "complicou o cumprimento do prazo porque houbo que modificar os contratos", o que fixo que se fose "axustado".

Tras esta modificación, a transición do sistema 'ERTMS' --presente na vía ata o quilómetro 80-- ao 'Asfa', o único que quedaba ata a estación de Santiago e na curva da Grandeira, na que se produciu o descarrilamento, situouse precisamente aí, algo que Ochoa ve "a solución natural". "Non hai máis posibilidades racionais", resaltou.

No proxecto orixinal, a transición ía nos cambiadores de ancho. Ao retirarse, a nova localización "fíxose aplicando o principio de que se fixese antes dunha avanzada e en pleno traxecto", sostivo este excargo de Adif.

A maiores, defendeu a circulación con 'Asfa' e referiu a varios trens que circulaban e circulan só baixo ese sistema, que non controla a velocidade e que deriva a supervisión da velocidade ao maquinista.

O letrado do Estado interrogou a este ex director xeral sobre a sinalización da liña, en concreto polas diferenzas entre as limitacións de tramo e as permanentes.

No banco dos acusados durante este xuízo sentan o maquinista, por un descoido ao antender unha chamada do interventor, e o ex director de seguridade de Adif, Andrés Cortabitarte, pola análise de riscos da liña. A ambos impútanselles 80 supostos delitos de homicidio e 145 de lesións por imprudencia profesional grave.

O ex director xeral de Operacións e Enxeñaría e exresponsable da Dirección Xeral de Explotación e Desenvolvemento de Infraestrutura de Adif Alfonso Ochoa
O ex director xeral de Operacións e Enxeñaría e exresponsable da Dirección Xeral de Explotación e Desenvolvemento de Infraestrutura de Adif Alfonso Ochoa | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Parece que o Ministro de Fomento tiña présa para inaugurar a liña ? Pepe Blanco o día da catástrofe: https://youtu.be/pAt39plgwoc?t=53s E seguimos sen retransmitir pola TVG2 o xuizo do Alvia (Foro La Toja sí é noticia) ? https://ficheiros-web.xunta.gal/xus...