Restaurar unha hectárea queimada custa entre 6.000 e 8.000 euros... "É máis importante a prevención", di experta

A experta económica en materia ambiental, María Loureiro, as actuacións postincendio máis valoradas son as que protexen os servizos ambientais en risco, especialmente nas zonas protexidas incluídas na Rede Natura 2000.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 11/11/2022 | Actualizada ás 11:52

Comparte esta noticia

María Loureiro, catedrática de Economía na Universidade de Santiago e Académica Numeraria da RAGG, destaca en relación aos incendios, “que o máis importante é a prevención porque a restauración é moi cara, entre 6.000 e 8.000 euros por hectárea”. A pesar disto, asegura que “a restauración é efectiva, os seus resultados son sempre moi positivos". 

Voluntarios axudan a rexenerar montes queimados en Melón
Voluntarios axudan a rexenerar montes queimados en Melón | Fonte: Amigos da Terra

"Logo dun grande incendio, os beneficios da restauración compensan estes elevados custos. O peor é non restaurar porque, ademais de perder a madeira dese ano, pérdese a capacidade produtiva do monte, xunto a outros moitos servizos ecosistémicos como a biodiversidade dun territorio ou a posibilidade de captar carbono”, engade.

Loureiro impartirá unha charla este luns sobre o "Capital natural e os servizos ecosistemáticos. A nova base da economía", nas XXXIII Xornadas Luis Asorey organizadas pola Real Academia Galega de ciencias e a Deputación de Lugo. “O lume é un importante proceso ecosistémico que afecta de forma significativa aos sistemas terrestres, acuáticos e atmosféricos de todo o mundo, xerando custos ambientais, económicos e sociais difíciles de valorar antes de que este suceda”, apunta.

Nesta liña, explica que nos seus estudos se obtén "o valor económico estimado asociado a cada un dos riscos ecosistémicos (sociais e ambientais) analizados, que se poderán utilizar para valorar as medidas de prevención adecuadas". "Os resultados indican que dentro das actuacións postincendio consideradas as máis valoradas son as que protexen os servizos ambientais en risco, especialmente nas zonas protexidas incluídas na Rede Natura 2000”, indica.

Os campos de investigación de María Loureiro céntranse na economía da enerxía, a economía ambiental e a economía agrícola. Obtivo o doutoramento en Economía Agraria e Recursos Agrícolas na Universidade Estatal de Washington e ocupou cargos na Universidade Estatal de Colorado, na Universidade Carlos III de Madrid e no actual Instituto de Investigacións Bioeconómicas de Noruega. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta