Temas: MAR PRESTIGE

Expertos alertan do "risco" doutra catástrofe marítima 20 anos despois do Prestige

Fano ante o número de barcos con mercadoría perigosa que aínda pasan pola costa galega.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 12/11/2022 | Actualizada ás 11:46

Comparte esta noticia

Expertos náuticos e organizacións ecoloxistas ven avances tras a catástrofe marítima do Prestige, da que este domingo, día 13, se cumpre o 20 aniversario. No entanto, coinciden en que fan falla máis progresos e apuntan a un plan de continxencia ou o uso de medios militares, xunto aos civís, para o control do mar.

Un barco pesqueiro de cerco retirando restos do fuel do Prestige. Álvaro Ballesteros - Arquivo
Un barco pesqueiro de cerco retirando restos do fuel do Prestige. Álvaro Ballesteros - Arquivo | Fonte: Europa Press

Tamén estiman "difícil" estar "100% preparados" para evitar unha catástrofe marítima e alertan de que o "risco" doutro sinistro existe polo número de barcos con mercadorías perigosas que aínda pasan pola costa galega.

O presidente da Asociación de Titulados Náutico-Pesqueiros (Aetinape), José Manuel Muñiz, lembra que a noticia do sinistro lle colleu estando nunha reunión co entón conselleiro de Pesca, Enrique López Veiga.

"Tívose que suspender a reunión por unha chamada urxente e era o do barco, foi tremendo", subliña Muñiz, quen apela a "aprender dos accidentes" e extraer "leccións" aplicando as medidas preventivas que sexan posibles.

Con todo, asegura que "nunca se está preparado para un sinistro". "Aprendemos pouco dos accidentes, non analizamos os motivos en profundidade", argumenta Muñiz, quen incide en que "a seguridade marítima sempre é mellorable".

Muñiz insiste, aínda así, en que se está "máis preparado" pola implantación dalgunhas medidas preventivas e pola existencia de "máis medios e máis control". "Pero nunca se está preparado", apostila ao ser preguntado se é posible 20 anos despois outro sinistro así.

MEDIOS MILITARES

No seu caso, aposta por "racionalizar" os medios dos que dispón xa a administración pública e por implantar un servizo mixto, civil e militar, mediante o uso de helicópteros da Armada, para o control do tráfico marítimo e dos posibles vertidos. Mentres, lamenta que "non haxa unha política marítima de Estado".

Pola súa banda, José María Arrojo, delegado en Galicia do Colexio oficial da Mariña Mercante Española, destaca o "gran esforzo económico para dotar a costa española e, en especial, a de Galicia, de medios técnicos e humanos para previr unha catástrofe destas dimensións", sinala sobre a ocorrida co Prestige, coa a contaminación duns 3.000 quilómetros de litoral español, portugués e francés pola vertedura de fuel.

AFASTAMENTO DO BARCO

Sobre os erros cometidos, sostén que "en todos os sinistros, e cando hai que tomar decisións, pódese cometer erros, pero avalialos unha vez sucedido o sinistro é practicamente imposible". Con todo, considera que quizais "no canto de afastar o buque, habería que tentar situalo nunha zona protexida". "En Galicia hai varias zonas de refuxio que xa se usaron nalgunha ocasión", engade.

Cuestionado se se está preparado para outra catástrofe marítima, recoñece que "é moi difícil estar ao 100% preparado para unha catástrofe similar" porque "mentres o tráfico marítimo siga circulando pola zona o risco existirá sempre". "Pero si se mellorou moito tanto en medios materiais como humanos", apunta.

Con todo, alude, como o fan tamén desde organizacións ecoloxistas, en que se debería crear un equipo formado por expertos ante un sinistro destas características.

POSIBILIDADE DOUTRO PRESTIGE

En relación a esta cuestión, desde Nunca Máis, e con motivo do anuncio da presentación este domingo en Pontevedra do documental '20 anos de dignidade', apuntábase ao risco, ao seu xuízo, existente aínda doutro sinistro como o Prestige.

Tamén avogaron por baixar ao pecio do barco tras a decisión de afastar o barco e o seu posterior afundimento. Fixérono en referencia ás "1.100 toneladas de fuel no pecio" e a posible necesidade de selado de fugas.

Mentres, organizacións ecoloxistas inciden na necesidade dun plan de continxencia. Este é o caso de Greenpeace ou Arco Iris. "É evidente que se pode repetir, polo corredor de Fisterra pasan uns 40.000 barcos ao ano, un terzo con mercadorías perigosas", asegura Manoel Santos, coordinador en Galicia de Greenpeace.

Desde Arco Iris, Francisco Lueiro remarca que barcos como o Prestige, con monocasco, xa non navegan pola costa galega. "Era un barco vello, nunca debeu navegar, estaba destinado ao desgüace", lembra.

Aínda que ve "difícil" que volva ocorrer o que pasou co Prestige "polo tipo de barco" que era este último, insiste na necesidade dun plan de continxencia nacional para xestionar outra catástrofe marítima, de producirse.

"Falta un protocolo claro", engade, á súa vez, Cristóbal López, portavoz de Ecoloxistas en Acción. Tamén incide en que pola costa galega pasan petroleiros químicos. "Hai produtos máis nocivos que o petróleo", engade en alusión a produtos químicos industriais como o cloro e apuntando á posibilidade doutro sinistro marítimo.

Temas: MAR PRESTIGE
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta