Galicia é a segunda autonomía que máis contamina a auga do Estado

A EDAR de Lagares (Vigo) está á cabeza das entidades que contaminan a auga en España co 18% das emisións. A Xunta di que "non ten parámetros de incumprimentos" nas verteduras.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/11/2022 | Actualizada ás 14:26

Comparte esta noticia

A estación depuradora de augas residuais (EDAR) de Lagares, en Vigo, está á cabeza das entidades que contaminan a auga en toda España, ao ser responsable do 17,6% das emisións, segundo os datos dun informe emitido polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (Miteco).

Nesta liña, o Rexistro Estatal de Emisións e Fontes Contaminantes (PRTR), que recolle os datos do ano 2021, indica que Galicia é a segunda comunidade autónoma que máis sustancias contaminantes na auga emite --tan só por detrás de Cataluña-- co 18,86% do total.

Deste xeito, a EDAR de Lagares emite cada ano, segundo os datos, 246.151 toneladas contaminantes, o que a sitúa como a instalación máis contaminante de todo o Estado, non só por encima do resto de depuradoras, senón tamén das industrias que tamén aparecen recollidas no informe.

Ademais, estas emisións comprenden o 93,48% das sustancias daniñas para a auga en Galicia. Os datos sobre contaminacións á auga indican que en Galicia, a seguinte entidade máis contaminante é a EDAR de Bens con 6.893 toneladas ao ano.

Así mesmo, o informe sinala que Galicia emite o 5,85% das sustancias contaminantes atmosféricas. O ciclo combinado das Pontes e a Refinaría coruñesa son as industrias que máis contaminan, sumando entre ambas as 1.565.708 toneladas anuais.

Os datos do Miteco reflicten que as sustancias contaminantes totais á auga e á atmosfera en Galicia, situáronse en 2021 nas 5.008.649 toneladas, o que supón un 0,5% menos que en 2020 e un 30% menos que en 2012, os primeiros datos recolleitos.

DENUNCIA DA ASOCIACIÓN ARCO IRIS

Nesta liña, a Asociación Arco Iris solicitou por escrito á Xunta de Galicia que se dean explicacións "á vista da enorme desproporción que existe entre a carga contaminante da EDAR de Lagares e as que a seguen na listaxe do informe".

Arco Iris explicou nun comunicado que "semellante despropósito" merece explicacións dos responsables de "esta obsoleta instalación". Así, piden que se revise o Plan de Control de Verteduras (PCV) da Xunta.

Contaminación nas ribeiras da Ría do Burgo
Contaminación nas ribeiras da Ría do Burgo | Fonte: EFE

XUNTA

Pola súa banda, a Xunta sinalou que non ten rexistro de "incumprimentos" nos parámetros de verteduras da estación depuradora de augas residuais (EDAR) de Lagares, en Vigo, e que, en todo caso, "é unha instalación municipal xestionada polo Concello de Vigo".

En resposta a unha petición de Europa Press, feita despois de que un informe do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (Miteco) sinalásea como responsable do 17,6% das emisións contaminante de auga en España, a Xunta destacou que os datos do estudo "están proporcionados, directamente, polos explotadores das instalacións", que neste caso é o Concello de Vigo.

Deste xeito, insistiu en que "non parten de Augas de Galicia e non están validados por esta entidade". Así mesmo, engadiu que "todo parece indicar" que o estudo "non recolle datos similares para todos os casos" e que, por tanto, "non son comparables" e "poden levar a conclusións erróneas".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta