Dende o luns o corte na liña de ferrocarril Ourense-Monforte-Lugo obrigará a Renfe a habilitar transporte por estrada

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/11/2022 | Actualizada ás 15:10

Comparte esta noticia

Adif iniciará o luns actuacións de renovación na liña de ferrocarril convencional Ourense-Monforte de Lemos-Lugo, o que implicará cortes no tráfico, para o que se habilitará transporte alternativo por estrada.

Concretamente, trátase de adecuar o sistema de electrificación do tramo Ourense-Monforte de Lemos, "adaptándoo ás características do que xa se instala entre esta cidade e Lugo", explica o Administrador nun comunicado.

A actuación, financiada polos fondos europeos, suporá un investimento de 24,3 millóns de euros e permitirá adecuar a 25 kV a electrificación con que actualmente conta o tramo entre Ourense e Monforte, de 45 quilómetros de lonxitude.

Desta forma, equipararase coa electrificación que se instala no trazado, ata agora non electrificado, entre Monforte de Lemos e Lugo, traballos aos que se destinan outros 17,2 millóns de euros.

Para levar a cabo estes traballos Adif realizará primeiro "actuacións fundamentais", para logo instalar os novos elementos de electrificación, como son labores de renovación de vía e infraestruturas (adecuación de pontes e viadutos, rebaixe de túneles, ampliación de gálibos e substitución de obras de drenaxe).

TRANSPORTE ALTERNATIVO

Estes traballos, que se estima conclúan en xullo de 2023, suporán levantar a vía e outras instalacións, polo que "son incompatibles coa prestación do servizo ferroviario durante o período da súa execución". A empresa operadora da liña (Renfe) prestará un servizo de transporte alternativo, informan.

Concretamente, a empresa pública ofrecerá un servizo de transporte alternativo por estrada, con transbordos entre Ourense e Monforte de Lemos e/ou Lugo durante a realización destes traballos, para os servizos de Media Distancia e Rexionais, os trens Transversais Cataluña-Galicia, e as súas conexións con Ponferrada, así como os trens de Longa Distancia que conectan Lugo con Madrid.

Tal e como se detallou, o servizo Ponferrada-Ourense farase por estrada entre Monforte e Ourense; o da Coruña-Ourense-A Coruña, entre os mesmos lugares; o Ourense-Lugo-Ourense, entre Ourense e Lugo; e a de Vigo-Ponferrada, entre Ourense e Monforte.

Iso en canto a servizos públicos; no que respecta aos servizos comerciais, o Alvia Madrid-Lugo-Madrid farase por estrada entre Ourense e Lugo; o Alvia Galicia-Cataluña-Galicia, entre Ourense e Monforte; e o Intercity Ourense-Lugo-Ourense farase por estrada na súa totalidade.

Tren de Renfe en pleno traxecto.
Tren de Renfe en pleno traxecto. | Fonte: Renfe

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta