O drama da Galicia baleirada: só o 5,9% dos menores de 14 anos viven no rural

A poboación menor de 14 anos reduciuse en Galicia un 40% desde 1989.

Por Galicia Confidencial | Lugo | 17/11/2022 | Actualizada ás 13:31

Comparte esta noticia

A poboación infantil de 0 a 14 anos en España reduciuse á metade desde 1960, pasando de representar o 27% da poboación total nese ano ao 14% en 2021, segundo os datos do World Bank e do INE analizados por Funcas con motivo da celebración do Día Internacional do Neno este domingo. No caso de Galicia reduciuse un 40% desde 1989, nunha das baixadas máis acusadas de todo o Estado, sobre todo, no entorno rural.

Nenos, pais e profesores pintan o colexio de Moreda, en Vilalba, para chamar a atención sobre o despoboamento do rural
Nenos, pais e profesores pintan o colexio de Moreda, en Vilalba, para chamar a atención sobre o despoboamento do rural | Fonte: Ramudo - Cope

Ademais, sinala que este descenso é superior ao rexistrado tanto na Unión Europea como no conxunto do mundo e deixa as cifras españolas "moi por baixo" da media global. Segundo advirte Funcas, nos case 65 anos transcorridos desde que un 20 de novembro de 1959 a Asemblea Xeral da ONU publicase a Declaración dos Dereitos do Neno, o peso demográfico da poboación menor de 15 anos na Unión Europea reduciuse máis de 10 puntos porcentuais, do 26% ao 15%, mentres que no mundo, a porcentaxe baixou do 37% ao 25% en 2020.

Esta proporción superábana só dúas rexións: as formadas polos países de África subsahariana (42%) e polos de África setentrional e Oriente Medio (30%).

Por comunidades autónomas, a análise de Funcas revela diferenzas "notables": algo máis de seis puntos porcentuais separaban ás rexións con maior e menor proporción de nenas e nenos de 0 a 14 anos en 2021 (Murcia: 17,6%; Asturias: 11,2%).

CAÍDA ACUSADA EN GALICIA

En todo caso, todas as CCAA rexistraron descensos "considerables" nesta variable desde que en 1990 España asinase e ratificase a Convención dos Dereitos do Neno, pero en algunhas, como Illas Canarias, Galicia e Asturias, a caída foi "particularmente acusada". No tres casos, a proporción de poboación entre 0 e 14 anos reduciuse en máis do 40% entre 1989 e 2021.

En todas as comunidades autónomas, salvo no País Vasco, a proporción de nenas e nenos de 0 a 14 anos no ámbito urbano (municipios de máis de 10.000 habitantes) é maior que no ámbito rural (municipios até 2.000 habitantes).

Galicia e Asturias rexistran as porcentaxes máis baixas de poboación de 0 a 14 anos no ámbito rural (5,9% e 7,3%, respectivamente, en 2021), aínda que aumentaron lixeiramente no últimos dez anos, o que indica que ambas as comunidades conseguiron conter a perda de poboación infantil rural.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta