A teima da frustración

Facer política é sobre todo discrepar, pactar e chegar a acordos. De máximos ou mínimos, mais acordos sempre á prol dun obxectivo único e insoslaiábel: transformar e mellorar as cousas. O resto, como di o Caneiro, por moito barullo que se faga, é silencio.

Por Xosé Lois Carreira | Verín | 14/11/2014

Comparte esta noticia
Na ciencia e na praxe política o pacto sempre é un elemento de moderación e renovación, unha ferramenta indispensábel para estar á altura, en alerta, para manterse cunha actitude viva e vixiante fronte á fortísima degradación a que as estruturas partidarias e institucionais son sometidas coas extremas tensións que abrollan da sociedade, do propio sistema de partidos, dos medios de comunicación, das elites financeiras, e sobre todo de axentes tan letais e poderosos como son a crise, a corrupción ou a desesperanza.
 
Cando a xente detecta que os instrumentos políticos clásicos están tocados, que non funcionan, que non dan as respostas precisas, simplemente buscan outros no lugar máis próximo que teñan, nas rúas, nas plataformas ou nas redes sociais. No caso dos partidos pertencentes ao sistema de dereito e aos que de xeito irremediábel tamén está homologado o BNG a pesar do abismo de democracia interna, participación da militancia e esencia colexiada que o separa do resto, ocorre exactamente o mesmo: xa é concibido simplemente como obsolescencia colateral derivada dunha macroestrutura política histórica, desgastada e viciada que xa non serve e, polo tanto, formando parte do problema, é desbotábel. Duro, mais certo.
 
Por se restaba algún anaco para esperanza na creba da furibunda gráfica electoral que asombra ao BNG, aparece tamén a corrupción con todo o seu impacto estamental e como o cáncer sistémico que todo o podrece: códigos éticos, partidos, democracia, alternancia, competencia, regulación do libre mercado, igualdade de oportunidade ou control da redistribución da riqueza. Chegou Podemos mais os da caste xa nos enguliran.
 
Hoxe coa enquisa do C.I.S. na man é preciso máis que nunca, e antes de que o único obxectivo político contábel acadado sexa a pertenza ao Museo do Pobo Galego, que tanto o BNG como todo o esnaquizado abano de siglas que compoñen o Nacionalismo Galego abandonen o inmobilismo cicateiro e roñón da delimitación nanométrica dos universos endóxenos coñecidos, elemento diferenciador si mais non emancipador polo que se deduce dos derradeiros trinta anos, e procuren un xeito de mirar arredor de si e cara fóra do Padornelo non como o estigma aínda sangrante ou como a arrepiante escarificación da nación aldraxada pola Isabel II, senón reivindicándose ante o conxunto da sociedade como axentes dinámicos, abertos, corresponsábeis e desexosos de seren tamén masa fundamental e protagonista da construción e remate definitivo dese rañaceos estatal inacabado con licenza de galpón plurinacional que é a España. Cando menos, esta é a metonímica lección que nos está a deixar CIU e o seu desacougado 9N. Aprendamos na cabeciña dos demais.
 
O Nacionalismo Galego ten que asumir este reto como a clave de bóveda exclusiva da nacionalidade histórica á que pertence, dunha nova articulación da Galiza no estado español a través tamén de converterse e reivindicarse como un novo elemento de moderación, renovación, pacto e reequilibrio ata finalmente chegar ao esgotamento manifesto do concerto autonómico, sen por iso renunciar a ningún chanzo na desempenada escada da emancipación nacional mais tampouco alancando insondables balados. 
 
Ficar quietos, mesmo ledos nun anhelado guión preestablecido, previsíbel, reseso e irrelevante para o 90% da sociedade galega, simplemente é a peor teima que un nacionalismo obtuso e inmobilista lle pode ofrecer ao seu País e á súa intelixente prole, a teima da frustración.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xosé Lois Carreira Nado en Parada de Ribeira, Xinzo da Limia, Ourense, en 1971. Licenciado en Belas Artes pola Universidade do País Vasco. Artista plástico e concelleiro do BNG en Xinzo da Limia. Presidente da Asociación Cultural O Muíño da Lama.